Os centros de saúde da área de Pontevedra estrearán un maletín asistencial para casos vitais

Pontevedra
22 de xullo 2019

De cor azul e de cor vermello, ditas dotacións loxísticas e asistenciais responden ao obxectivo de incorporar ou renovar nos centros de Atención Primaria dispositivos completos para unha primeira atención de situacións de urxencia vital, tanto nos propios centros coma fora deles

Maletíns do Sergas para casos vitais Servizo Galego de Saúde

O Sergas distribuíu na súa rede de centros de saúde un total de 44 maletíns asistenciais dotados con equipamento e medicación de emerxencia para a atención de casos vitais.

De cor azul e de cor vermello, ditas dotacións loxísticas e asistenciais responden ao obxectivo de incorporar ou renovar nos centros de Atención Primaria dispositivos completos para unha primeira atención de situacións de urxencia vital, tanto nos propios centros coma fóra deles.

Estes equipamentos exclusivos para urxencias -nos que o Servizo Galego de Saúde investiu arredor dos 69.000 euros- estarán emprazados en salas de referencia coñecidas polo persoal dos centros de saúde, así coma nos espazos existentes nos puntos de atención continuada habilitados para atender pacientes críticos.

Os maletíns constan dun amplo equipamento de material diagnóstico e auxiliar de emerxencia para estabilizar e tratar pacientes -desfibrilador, ambú, laringoscopio, kit especial para efectuar curas, sondas, material esterilizado, pulsioxímetro, otoscopio, máscaras faciais e larínxeas, agullas e xiringas, catéteres ou cánulas.

Ademais, veñen cunha guía estandarizada que inclúe pautas de utilización, ámbitos de uso, así coma diversos procedementos de verificación de material, revisión mensual e reposición diaria de medicación por parte dos profesionais.

Esta guía estandarizada establece criterios unificados para todo o persoal de Atención Primaria de cara a poder responder axeitadamente a unha situación de emerxencia, con independencia do centro de saúde da área de referencia asistencial onde se preste dita asistencia.