Os casos activos estabilízanse en Poio mentres continúan crecendo en Pontevedra e Sanxenxo

Pontevedra
29 de xaneiro 2021

Os casos activos por covid-19 en Pontevedra e Sanxenxo seguen disparándose. Entre ambos acumulan gran parte dos novos contaxios que se rexistraron na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nas últimas 24 horas. Poio, pola súa banda, parece estabilizarse

Xente paseando con máscaras en Pontevedra Mónica Patxot

Os casos activos por covid-19 en Pontevedra e Sanxenxo seguen disparándose. Entre ambos acumulan gran parte dos novos contaxios que se rexistraron na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés nas últimas 24 horas. Poio, pola súa banda, parece estabilizarse.

Ata 26 contaxiados máis se suman á lista de infectados na cidade de Pontevedra, que alcanza os 517 casos activos. A incidencia acumulada a 14 días situouse por encima dos 571 casos por cada 100.000 habitantes, segundo os datos do Servizo Galego de Saúde.

Datos similares hai en Sanxenxo, onde detectaron 20 casos máis desde onte. En total, o municipio ten 172 casos activos e a incidencia aproxímase perigosamente á barreira dos 1.000 casos, onde seguen un día máis Poio, A Lama, Soutomaior e Moraña.

En Poio, por primeira vez desde hai semanas, os casos activos por covid-19 mantéñense sen cambios. Hai 416 contaxiados. En Soutomaior este venres hai 112 casos activos (nove máis), mentres que en Moraña son 52, seis máis que onte.

Cunha incidencia superior a 750 atópanse outros dous municipios: Meis, con 44 casos (dous menos) e Ponte Caldelas, que chega ata os 48 casos (dous máis). 

Deste nivel descende Cuntis, que se mantén nos 33 casos activos e súmase a Caldas de Reis, Portas, Barro, que ten 23 casos activos (tres máis); Vilaboa e Vilanova de Arousa, que baixa a 53 casos activos (dous menos máis).

Outros oito municipios oscilan entre unha incidencia acumulada de 250 e 500 casos por cada 100.000 habitantes. Son Vilagarcía de Arousa, con 170 casos activos (dez máis); Marín, con 115 infectados (seis máis); Cambados, con 54 (un máis); Bueu, con 41 (tres menos); Ribadumia, con 22 (catro máis); Meaño, con 21 (catro máis); Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade.

O Grove, a pesar do incremento de casos que rexistrou nas últimas horas, segue sendo o municipio da área sanitaria coa incidencia acumulada máis baixa.

A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pódense consultar no mapa que acompaña a esta información.