Os casos activos de covid superan a barreira dos 2.500 na área sanitaria

Pontevedra
21 de decembro 2021

O Servizo Galego de Saúde confirma que este martes 21 de decembro a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta con 2.515 casos activos de coronavirus, 34 máis que o luns tras unha xornada na que se detectaron 163 novos contaxios

Punto de realización de probas PCR no Hospital Provincial Mónica Patxot

A pandemia engorda un día máis as súas cifras na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, tal e como establece a última actualización de datos realizada este martes polo Servizo Galego de Saúde.

Segundo o Sergas a área pontevedresa conta ao 21 de decembro con 2.515 casos activos de coronavirus, achegándose ao pico máximo da onda rexistrada en febreiro (2.648 infeccións activas ao 3 de febreiro) aínda que con distancia das cifras do pasado mes de xullo (o pico foi de 3.091 casos).

Esta cifra supón un incremento de 34 infeccións activas con respecto ao luns despois dunha xornada na que se sumaron ás estatísticas 163 novos contaxios e producíronse 129 altas epidemiolóxicas.

No que respecta a os hospitais 51 persoas permanecen ingresadas (tres menos), das que 42 evolucionan en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (34), o Hospital do Salnés (6) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (2) e 9 fano na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo (sen cambios).

Desde o inicio da pandemia superaron a covid 22.535 veciños de Pontevedra e O Salnés, rexistrándose 218 falecementos de persoas con positivo activo, o último notificado este luns, un home de 77 anos que faleceu no seu domicilio de Sanxenxo.

Sanidade sinala ademais que na última xornada realizou 1.180 probas PCR na área sanitaria.