Os axentes da Comisaría Xeral da Policía Científica desprazados desde Madrid para investigar as causas e a orixe do incendio que na noite do luns1 de febreiro arrasou o edificio situado no número 12 da rúa Michelena e o número 6 dos Soportais da Ferrería tiveron que deter temporalmente o seu traballo e retomarano o vindeiro martes 16 de febreiro.
Os especialistas chegaron ao edificio da Ferrería ao redor das 10.00 horas da mañá deste xoves e, tras varias horas de traballo no interior, decidiron que é necesario realizar tarefas de retirada dos cascallos para poder avanzar na investigación. Os axentes accederon ao inmoble por ambas as rúas -trátase dun único edificio que dá a Michelena e A Ferrería-, pero non conseguiron localizar o foco do lume e concluíron que non poderán facelo ata que retiren unha parte dos cascallos. Para realizar as súas investigacións contaron coa colaboración dos bombeiros pontevedreses que ese día realizaron as tarefas de extinción do incendio.
Fontes da Comisaría Provincial de Pontevedra explicaron que se irán de regreso a Madrid e volverán a próxima semana. Un equipo conxunto de axentes da Policía Nacional de Pontevedra e da Comisaría Xeral da Policía Científica realizarán as tarefas, nas que tamén pode ser necesario algún apoio técnico externo.
Ata o momento non puideron establecerse as causas e a orixe do lume a pesar de que nos días posteriores ao lume tanto os Bombeiros de Pontevedra como os axentes da Policía Científica da Comisaría Provincial realizaron investigacións. Tamén están a investigar o ocorrido especialistas de empresas privadas contratados por compañías aseguradoras.
O edificio quedou tan esnaquizado que resulta complicado establecer onde están os límites entre os almacéns das dúas tendas situadas nos baixos do edificio, A Moda Ideal polos Soportais e Cuplé por Michelena. Desescombrando prevese que resulte máis sinxelo facelo, pero, para iso, será necesario tamén apontoar a estrutura.
Por outra banda, o Concello de Pontevedra encargou un informe sobre o incendio e as súas consecuencias no que se determinará o estado do edificio tras o lume. Nese documento incluiranse informes de todos os servizos municipais e a última hora deste xoves estaban tan só pendentes de recibir o realizado polo arquitecto municipal. Irá acompañado pola orde municipal na que se autorice o rebo e apontoamento.