Os campamentos infantís de Marín animaron o lecer de 300 nenos e nenas durante o verán

Marín
19 de agosto 2022

Este programa deseñado para conciliar vida laboral e familiar durante as vacacións escolares entra na súa recta final co inicio da última quenda destes campamentos divididos en quincenas

Campamentos infantís de verán do Concello de Marín Concello de Marín

Os campamentos de verán de conciliación que ofrece o Concello de Marín, dirixidos a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, chegan á súa quenda final.

Máis de 300 cativos levan participado nas catro quendas nos campamentos urbanos celebrados no CEIP da Laxe e en dúas quendas no rural na Casa de Cultura de Mogor e no CEIP de SEIXO.

Actividades infantís de todo tipo, como xogos ou saídas culturais e de ocio, permitiron o desfrute da cativada, mentres as familias concilian a vida persoal, laboral e familiar.

Nesta quenda a rapazada que participou no programa creado pola Consellería do Mar de “Fai clic ao teu bocata” co dobre obxectivo de facilitar o coñecemento e consumo de produtos en conserva do mar de Galicia entre as nenas e nenos da nosa comunidade e de incidir e equilibrar as súas dietas alimentarias.

A acollida foi boísima. Mentres xogaban aprenderon moito sobre os alimentos fundamentais nas dietas, os produtos do mar para fomentar o consumo dos produtos en conserva, ampliando os seus coñecementos acerca dos produtos do mar, das conservas e de todas as posibilidades que estas ofrecen tanto no ámbito alimenticio coma didáctico e lúdico.

Os produtos do mar son uns alimentos ricos en proteínas, materia graxa, vitaminas e sales minerais e constitúen un dos máis importantes recursos alimenticios, co beneficio de moitos valores nutritivos, que fan recomendable a introdución destes produtos como alimentos habituais nas dietas dos máis pequenos.

Ao final da xornada puideron saborear uns riquísimos bocatas para poñer en práctica todo o aprendido durante a mañá.