Os Camiños escolares amplíanse a todos os colexios do centro e implicarán a toda a cidadanía

Pontevedra
16 de agosto 2013

Seis colexios máis se suman ao proxecto Camiños escolares, unha iniciativa que se puxo en marcha o curso pasado no Álvarez Limeses. Son todos os colexios públicos do centro da cidade "e privados que están preto dalgún deles", segundo indicou este venres a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva. Trátase dos centros públicos de Barcelos, Campolongo, Froebel, Vidal Portela e os concertados de Calasancias e Doroteas

Seis colexios máis se suman ao proxecto Camiños escolares, unha iniciativa que se puxo en marcha o curso pasado no Álvarez Limeses. Son todos os colexios públicos do centro da cidade "e privados que están preto dalgún deles", segundo indicou este venres a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva. Trátase dos centros públicos de Barcelos, Campolongo, Froebel, Vidal Portela e os concertados de Calasancias e Doroteas.

Carmen da Silva recordou a filosofía coa que naceu esta iniciativa, creada para que os nenos poidan acudir ao colexio sen a compañía de adultos, algo que contribúe, dixo, "a que os nenos e as nenas sexan máis responsables do que fan e se contribúa ao seu proceso de madurez e autonomía". Ademais, destacou que se reduce o número de vehículos na contorna dos colexios "o que fai diminuir o risco para a seguridade viaria".

Durante os últimos meses, mantivéronse numerosas reunións con todos os membros das respectivas comunidades educativas para explicarlles de forma pormenorizada como funciona esta iniciativa, así como asembleas abertas coas que pretendían que os pais implicásense directamente nestes camiños e colaborasen no deseño dos itinerarios máis adecuados para cada un destes centros.

Ademais da incorporación destes seis novos colexios, a novidade dos Camiños escolares é que se buscará a implicación de toda a cidadanía para facer que estes itinerarios sexan aínda máis seguros para os menores. Por iso é polo que se mantiveron contactos coas asociacións de veciños e cos comerciantes asociados a AEMPE, para formar unha "rede asistencial" que permita axudar aos menores ante calquera contratempo.

Así, o Concello de Pontevedra repartiu entre os comercios un distintivo para que os nenos poidan identificar aqueles puntos nos que solicitar axuda e un aviso entre as comunidades de veciños para que extremen as precaucións cando saian dos seus garaxes situados en ditos itinerarios seguros, polo menos durante o horario de entrada e saída aos colexios.

ITINERARIOS SUPERVISADOS POR ADULTOS

Tras destacar o exitoso funcionamento dos Camiños escolares no Álvarez Limeses, no que participaron máis dun centenar de nenos, aproximadamente o 25% dos seus alumnos, o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, sinalou que cada un dos itinerarios que se deseñaron para os centros escolares estarán supervisados por adultos. En concreto, 31 persoas estarán pendentes dos menores, especialmente nos cruces das rúas.

Ao ser sempre os mesmos, destacou, "ao final acaba coñecendo aos rapaces polo seu nome e detectan pronto se falta algún rapaz". Ademais, os comerciantes que se adhiran a esta iniciativa tamén actuarán como supervisores. A todos eles sumarase a vixilancia da propia Policía Local, incluídas os seus cámaras, "para que non haxa ningún tipo de problema", igual que no curso pasado.

Arquivado en