Os buxos do Pazo de Quinteiro da Cruz forman parte desde este martes do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, composto xa por 131 árbores e 39 formacións vexetais. A incorporación a esta listaxe fíxose oficial despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
O conxunto de buxos, de 35 metros de lonxitude, destaca polo seu bo estado de conservación e a súa resistencia á praga da bolboreta do buxo (Cydalima Perspectalis), que é a principal causa de morte destas especies en Galicia desde hai anos.
A de Ribadumia non é a única composición de buxos incluída neste catálogo. Existen outras cinco formacións como o da Casa da Botana en Arzúa, o do Pazo de Santa Cruz en Vedra, o do Pazo de Oca na Estrada, o da Illa de San Simón ou o do Pazo de San Lourenzo en Santiago.