Os bombeiros alertan da situación "crítica" do parque de Pontevedra por falta de persoal

Pontevedra
18 de novembro 2021

A falta de persoal que sufre o parque de bombeiros de Pontevedra, segundo denuncian os sindicatos CC.OO, UGT e CIG, está a provocar problemas no funcionamento do servizo

Parque de bombeiros de Pontevedra Mónica Patxot

A falta de persoal que sufre o parque de bombeiros de Pontevedra, segundo denuncian os sindicatos CC.OO, UGT e CIG, está a provocar problemas no funcionamento do servizo.

Aseguran que se están a incumprir os servizos mínimos que deben de estar de garda, "expoñendo ao persoal a un maior risco de accidente e reducindo a eficacia e operatividade nas intervencións, poñendo nun maior perigo á cidadanía".

Os sindicatos denuncian que "en reiteradas ocasións" non se chega ao mínimo establecido para cumprir cos procedementos de traballo implantados no servizo, pero a noite de martes a mércores "baixou a mínimos históricos" con só un mando, un telefonista, un condutor e un bombeiro.

A solución por parte da xefatura do servizo, sinalan os traballadores, é que, en caso de necesitar máis persoal para unha intervención, se chame ao 112 e se soliciten medios ao parque comarcal do Salnés, cuxo traxecto ao centro levaríalle 30 minutos.

As tres centrais sindicais reiteran que a situación de persoal no parque de bombeiros de Pontevedra "é crítica" ante a carga de traballo "excesiva" e a falta de efectivos.

Desde o Concello, segundo os sindicatos, non se pensa en aumentar o persoal municipal senón impoñer un incremento de 122 horas anuais máis por efectivo no calendario anual de traballo.