Os asistentes á Feira Franca 2023, entre guerreiras e campesiños: "Este ano, ricos poucos"

Pontevedra
29 de agosto 2023

Os negocios de aluguer e venda de traxes e os que venden teas e confeccionan roupa notan que os asistentes habituais á Feira Franca xa non buscan traxes completos porque "a xente xa ten moito", pero si compran complementos "para cambiar, para non ir sempre igual"

Traxes para a Feira Franca 2023 Mónica Patxot

Coa Feira Franca xa ao virar a esquina, pontevedreses e visitantes apuran as horas para preparar as indumentarias coas que regresarán a 1467. Este ano, á vista dos preparativos que se están facendo, os asistentes optarán por vestirse de guerreiras, de campesiños  ou de mesoneras e taberneros, moi poucos vestirán coma se pertencesen ás clases adiñeiradas do século XV

Como cada ano nesta época, xurdiron novos negocios asociados ao multitudinario evento e tendas dedicadas a vender e alugar traxes para utilizar durante esta fin de semana, pero tamén os comercios da cidade adaptaron a súa actividade ás demandas da clientela. Uns e outros teñen unha actividade frenética estes días, pendentes da entrega de encargos e do "apurón final" daqueles que adoitan deixar as compras para o último día. 

Na tenda de teas Tegal, da Praza de Barcelos, levan desde principios de xuño vendendo material a persoas que confeccionan os seus traxes a man ou confían en modistas, pero, aínda así, esta semana aínda están a ter moita clientela e durante os días previos adoitan acudir ao comercio persoas que organizan comidas particulares para equiparse de teas para manteis, toldos ou panos de mesa. "Nos últimos días, vendemos moito saco", sinalan. 

Ultimamente xa notan que os asistentes habituais á Feira Franca xa non acoden para comprar teas para volver facer os seus traxes completos porque "a xente xa ten moito", pero si compran materiais para confeccionar complementos "para cambiar, para non ir sempre igual". Ademais, hai quen se atopa con cambios de tallas ou pezas desgastadas e si renovan algunha parte. 

Unha impresión similar téñena na tenda Yutecrea, instalada na Praza da Peregrina. Son fabricantes e vendedores de traxes asentados en Lugo, pero levan desde 2017 montando unha tenda de venda de traxes en distintos locais da cidade e durante todo o ano acoden a eventos similares en lugares de toda España, como Mérida ou León, por exemplo. 

"Este ano veñen máis por complementos", explican, "hai xente que busca o look completo, pero este ano máis de complementos, un chaleco, un pantalón, unha diadema...".

Notárono tamén na Mercería Jota da rúa Oliva, que desde o primeiro ano da Feira Franca dedícanse a confeccionar traxes a medida e vender outros xa confeccionados. "O que máis estamos a vender son complementos (...) A xente aproveita moito" traxes doutros anos e cambian algunha peza para variar. 

Con todo, na tenda Mititas dos Soportais da Ferrería, dedicada a venda e alugueiro de traxes, detecta a tendencia contraria. Entre os seus clientes, son maioría os que alugan a roupa, pero, entre os que compran, "colle o traxe enteiro". 

A tendencia entre os que compran ou alugan é por apostar cada vez por propostas máis sinxelas. "Compran moito de guerreiros e de campesiños; o que máis, campesiños", explican desde Mititas, que leva seis anos abrindo o negocio durante un mes en distintos locais de Pontevedra. 

En Tegal coinciden en que a clientela vai buscar "o básico", saias, faixas, pantalóns e chalecos e que todos optan por teas básicas usadas en traxes das clases baixas. "Este ano, ricos, poucos", sinalan, en alusión a que practicamente non venceron veludo ou teas nobres.  "Buscan cousas máis baratas", sinalan. 

Tamén en Yutecrea detectaron que a clientela deste ano "busca máis guerreiras e guerreiros", un traxe que "leva forte o ano pasado e este", aínda que nunca falta "a mesonera de sempre". 

Na Mercería Jota confirman que se busca "o básico", a chilaba para mozos e saia con faixa ou chaleco para moza. 

No que non escatima a clientela é nos traxes de nenos. En todos estes negocios constatan ano tras ano que é un tipo de traxe que nunca deixa de venderse, pois os máis pequenos crecen e resulta complicado aproveitar dun ano para outro. En Jota, ademais, sinalan que é habitual que haxa familias que encarguen os traxes para todos, pais e fillos, iguais ou combinados. 

En Mititas constatan que este ano hai "moita xente", en cantidades similares ás de edicións anteriores, pero "máis a última hora". En Jota saben, froito da experiencia, que "a última semana é a máis esgotadora" e este ano está a suceder o mesmo. En Tegal redondean: "agora estamos co último tirón".

Arquivado en