Os arquitectos galegos censuran a decisión de anular o proceso para rehabilitar Santa Clara

Pontevedra
05 de outubro 2023

Para o Colexio de Arquitectos de Galicia os concursos de ideas son a "forma máis acaída" para afrontar calquera intervención arquitectónica. De aí que manifeste a súa "discrepancia" coa decisión da Deputación de anular o proceso de reforma do convento de Santa Clara

Vista aérea de Santa Clara Deputación de Pontevedra

Para o Colexio de Arquitectos de Galicia os concursos de ideas son a "forma máis acaída" para afrontar calquera intervención arquitectónica. De aí que manifeste a súa "discrepancia" coa decisión da Deputación de anular o proceso de reforma do convento de Santa Clara.

"O traballo dos estudios de arquitectura, como o de calquera profesional, pode gustar máis ou menos, pero ningún estudio presentaría nunca unha proposta que non respecte o entorno arqueolóxico, histórico ou patrimonial sobre o que actúa", subliñan desde o colexio.

A entidade lamenta as "desafortunadas" declaracións de Rafa Domínguez, porque "poñen en cuestión o bo facer e o bo nome dos que participaron no concurso e dos membros dun xurado diverso, competente e que só buscou o mellor para o monumento e o conxunto da cidade".

No caso de Santa Clara, segundo o colexio galego de arquitectos, o xurado "tivo a fortuna de contar con magníficas propostas", que amosaron ao seu xuízo "gran capacidade, talento e estudo desde unha enorme diversidade de ángulos de todos os condicionantes".

Foron propostas moi distintas que presentaron diferentes opcións de intervención nun complexo desta magnitude, "recollendo o desafío de transformar este recinto de vocación introspectiva nun lugar público", apuntan desde este organismo.

O colexio defende que as propostas fixeron, igualmente, unha "lectura crítica" das condicións do concurso, presentando matices e opcións e puideron ser valoradas no propio convento, xa que o xurado tivo o privilexio de vivir tres días no recinto, visualizando as propostas en detalle.

"Isto permitiu unha valoración cunha profundidade e reflexión pouco comúns”, tal como advirte o colexio profesional, que considera necesario destacar a diversidade de axentes, o momento e as competencias de cada un en canto ao uso do patrimonio público.

O "gran valor" dos concursos de ideas como o de Santa Clara "é dispór de proxectos de primeiro nivel e poder contrastalos, ademais de que achegaron luz en moitos aspectos", conclúe o COAG, que lamenta que a paralización do proxecto sexa por "discrepancias" co proxecto gañador.