"A cociña gourmet en conserva" chega ás aulas do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza. Cada mes, os estudantes e profesores ofrecerannos unha receita elaborada con produtos de Conservas Pescamar.
Estreamos a serie cunha proposta chea de sabor e presenza, cunha orixinal Burguer de mexillóns gourmet Pescamar.
Ingredientes para a hamburguesa (para 4 racións):
- 2 latas de Mexillóns gourmet de Conservas Pescamar
- Pementa negra (unha cullerada sopeira)
- Sal (unha cullerada sopeira)
- Coandro picado (unha cullerada sopeira)
Ingredientes para o acompañamento:
- 4 unidades de pan de pebidas
- 4 follas de leituga folla de carballo
- 4 follas de albáfega
- 1 cebola (á xuliana, suada en aceite oliva e acaramelada cun pouco de azucre moreno)
- 4 patacas asadas (lavadas, cortadas en cuartos e asadas con sal durante uns 30 minutos)
- 4 tomates (en toros)
Elaboración:
Picamos os mexillóns gourmet de Conservas Pescamar, escorremos e secamos.
Sazonamos, damos forma de hamburguesa ao picado de mexillón e reservamos no frigorífico ata o seu cociñado.
Nunha tixola moi quente, engadimos unha cullerada de aceite de oliva e cocíñase á prancha aproximadamente 2 minutos por cada cara.
Lavamos a leituga e a albáfega.
Acaramelamos a cebola: nun cazo introducimos a cebola cortada en tiras finas ou xuliana cunha cullerada de aceite de oliva e unha cullerada de azucre moreno. Cociñámolo a lume maino ata que tome unha cor lixeiramente dourada.
Presentación:
Cortamos o pan ao medio.
Dispoñemos unha cama de leituga e o tomate enriba.
Colocamos a hamburguesa e rematamos coa cebola e a albáfega.
Tapamos co pan e gornecemos coas patacas.
En dúas semanas, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar e, nun mes, coa proposta dos alumnos e profesores do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza.