Os alcaldes e voceiros do Partido Popular reclaman a Deputación un "compromiso serio" cos concellos afectados polos incendios e non "unha tomadura de pelo como a que o bipartito fixo ata o de agora".
Nunha reunión na sede provincial, á que acudiron alcaldes e voceiros de todos os concellos afectados polos lumes desta provincia así como os deputados provinciais do Partido Popular, acordaron presentar unha moción, tanto en Deputación coma nos Concellos, para reclamar "unha liña de axudas específica que non comprometa os fondos do Plan Concellos que lles corresponde por lei".
Ademáis piden que se recupere unha liña de axudas dirixida a colectivos veciñais e que, como fan outras administracións provinciais, a Deputación de Pontevedra asuma o gasto dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) nos concellos.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, lamentou que, nun momento no que todas as administracións deberían estar a traballar para axudar aos concellos, a Deputación "estea a restar".
O sucedido cos incendios demostra, segundo Cubela, que o bipartito "se equivocou" suprimindo o Plan de Acción Comunitaria, ao que hoxe ven como "máis necesario que nunca" para que os veciños, a título particular, poidan facer fronte aos danos ocasionados polo lume.
"Esta non é a opinión do Partido Popular, é a opinión de todos os alcaldes e portavoces da provincia, independentemente da nosa cor política, que temos que soportar como a Deputación abandónanos cunha catástrofe destas características", lamentou o alcalde de Cerdedo-Cotobade.