Os alcaldes de Vilaboa, Bueu, Cangas e Moaña, fronte común contra o proxecto eólico do Morrazo

Vilaboa
03 de xullo 2024

As 4 alcaldías reiteraron que a Xunta de Galicia debe rexeitar este proxecto eólico presentado por Arena Power e eliminar a ADE do Morrazo, "para que a nosa comarca se estableza como un espazo singular libre de parques eólicos". Tamén insisten en que debe actuar todo o Morrazo unido "para impedir a instalación dun só muiño"

Comparecencia conxunta dos alcaldes e a plataforma en Domaio PLataforma Eolicos no Morrazo non

Os alcaldes de Vilaboa (PSOE), Bueu (BNG), Moaña (BNG) e Cangas (BNG) únense á Plataforma Eólicos no Morrazo NON para amosar o seu rexeitamento ao o proxecto eólico presentado por Arena Power para esta comarca. 

Esa unión evidenciouse este martes nunha rolda de prensa conxunta con representantes da plataforma e dos catro concellos, ademais de integrantes de comunidades de montes destes concellos e de Marín.

As 4 alcaldías reiteraron que a Xunta de Galicia debe rexeitar este proxecto eólico presentado por Arena Power e eliminar a ADE do Morrazo, "para que a nosa comarca se estableza como un espazo singular libre de parques eólicos".

Tamén insisten en que debe actuar todo O Morrazo unido "para impedir a instalación dun só muiño".

A plataforma xa presentou moción plenaria nos cinco concellos do Morrazo, solicitando o rexeitamento deste parque eólico e doutros proxectos futuribles, e instando a Xunta de Galicia a suprimir a ADE do Morrazo, así como solicitar apoio para as actividades da plataforma. En Vilaboa, Moaña e Cangas aprobouse por unanimidade, en Bueu aprobouse por maioría e en Marín saíu rexeitada cos votos en contra do PP. 

Moncho Millán presidente da Mancomunidade de Monte do Morrazo, en representación da plataforma, alertou de que O Morrazo é unha das comarcas con maior densidade de poboación de Galicia, con 495 habitantes por quilómetro cadrado, e a instalación destes parques eólicos "afectaría a toda a poboación", pois "os ruídos e efecto parpadeo exténdense nun radio de 6 km dende os aeroxeradores, tendo en conta que a península do Morrazo ten 7 km de anchura".

O proxecto de Arena Power prevé 15 aeroxeradores de 180 metros de altura, 2 subestacións eléctricas, 2 torres de observación e as liñas de evacuación.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, destacou que non sen entende como sen estudos técnicos un proxecto deste tipo se ubica nun macizo de rocha granítica e destacou que para instalarse afectaría as vivendas de varios núcleos de poboacións que estarían próximas aos aeroxeradores de gran tamaño.

Poza tamén advertiu que estes aeroxeneradores se verían dende Pontevedra, Vigo e Sanxenxo e terían efectos sobre a saúde das persoas e que a súa construción danaría o abastecemento de auga de Vilaboa, especialmente ás da parroquias de San Adrián, que son exclusivamente veciñais. 

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, considera que sería o proxecto industrial con maiores impactos na comarca, comparándoo coa ameaza da macrocelulosa de Altri na Ulloa, e criticou que o goberno da Xunta toma decisións en contra dos intereses da veciñanza do territorio, sen ter en consideración nin as poboacións locais nin tampouco as institucións municipais.

Considera Juncal que a Xunta debería respectar a competencia municipal sobre a ordenación do territorio, porque afecta a vida normal da veciñanza. 

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, lembrou que defende as enerxías renovábeis, pero non baixo un modelo especulativo, senón baixo un modelo de xustiza social e de verdadeiro desenvolvemento sustentable e denunciou que estamos baixo un modelo de "lavado verde', "intentado vender como verde e limpo uns macro proxectos eólicos, cun impacto tremendo sobre o noso medio ambiente, paisaxe e alterando a vida normal da veciñanza de Moaña e do Morrazo".

A alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, considera este proxecto un "ataque inaceptable ao noso territorio", e ve que os opositores teñen argumentos técnicos, xurídicos e capacidade social para enfrontar esta ameaza.

Este venres 5 de xullo hai una asemblea prevista en Bueu no Centro Social do Mar ás 21.00 horas e o sábado á mesma hora en Beluso.