Os afectados celebran a sentenza contra Audasa: "É un triunfo da acción colectiva"

Pontevedra
24 de febreiro 2020

A pesar de celebrar a sentenza, a asociación lamenta que este "incumprimento masivo" por parte de Audasa non supuxese o pago por parte da concesionaria de "danos e prexuízos" aos afectados máis aló da restitución das peaxes pagadas

Atascos na ponte de Rande PontevedraViva

A asociación ADICAE, que xunto con En Colectivo, foi unha das dúas organizacións que exerceu a acusación particular no xuízo contra Audasa pola cobranza de peaxes na AP-9 durante as obras de Rande, considera que a condena á concesionaria da autoestrada é un "triunfo" da "acción colectiva" dos consumidores.

ADICAE destaca que a sentenza do xulgado do mercantil número 1 de Pontevedra, ademais de considerar "abusiva" a actuación de Audasa, ordena a devolución a todos os consumidores das cantidades "indebidamente pagadas".

A asociación considera un "éxito" esta decisión xudicial, especialmente ante os "obstáculos" que puxeron a todo este proceso a concesionaria e a propia Avogacía do Estado.

Tras destacar que os afectados deberán agora pedir que se execute a sentenza, ADICAE avanza que organizará e apoiará aos consumidores neste trámite "desde este mesmo momento".

A resolución xudicial, entenden desde esta asociación, é un "aviso a navegantes" ante os "abusos masivos" aos consumidores, xa que a restitución das peaxes pagadas permite que estas prácticas "non sexan obxecto unicamente dunha mera declaración".

Con sentenzas como esta, engade ADICAE, as compañías "tomarán en conta" que o abuso sobre os consumidores "comporta consecuencias".

A pesar de celebrar a sentenza, a asociación lamenta que este "incumprimento masivo" por parte de Audasa non supuxese o pago por parte da concesionaria de "danos e prexuízos" aos afectados máis aló da restitución das peaxes pagadas.