Os 100 anos de Conchita, a mestra "máis chupiguay" que puxo os cimentos e o nome ao Crespo Rivas

Pontevedra
17 de setembro 2024

Concepción Crespo Rivas tivo vocación "desde nena" e dar clase foi "a súa maior felicidade". Unha das súas sobriñas está convencida de que foi "un dos factores que contribúe a que chegase aos 100 anos"

Aniversario na EEI Concepción Crespo Rivas PontevedraViva

Concepción Crespo Rivas, Conchita, tivo vocación de profesora "desde nena" e dar clase foi "a súa maior felicidade". Regina, unha das súas sobriñas, está convencida de que foi "un dos factores que contribúe a que chegase aos 100 anos".

Por iso é polo que non había forma máis acertada de celebrar ese século que alí onde atopou o secreto da lonxevidade, nun colexio. 

O labor docente de Conchita xa lle valeu o recoñecemento, promovido polos seus compañeiros, de que o colexio ao que axudou a poñer os cimentos leve o seu nome.

Abriu as súas portas a principios dos oitenta como a Escola Preescolar de Campolongo e desde 1997 chámase Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas na súa honra.

Xa cando cumpriu 90, os seus aniversarios foi unha celebración para os seus compañeiros e este luns, polos 100, todo o centro educativo envorcouse en felicitala.

Acudiron cinco das compañeiras que viviron con ela aqueles primeiros anos do centro, Amalia, Tere, Pepita, Marisa e Pili -Araceli desculpou a súa ausencia- e todo o alumnado e profesorado actual dedicáronlle cancións, aplausos e unha homenaxe que pasará a formar parte da historia do centro. 

Actualmente na residencia Soremay de Pontevedra, Conchita acudiu acompañada por parte da súa familia e ver aos nenos situados ante ela e felicitándoa enchéronlle os ollos de emoción.

Contaxiáronse os seus sobriños, coñecedores de que "durante toda a súa vida de docente foi moi feliz" e emocionados ao vela arroupada e coñecer o mimo con que lle prepararon a festa.

Xa emocionara a Conchita que o seu colexio leve o seu nome, recoñecemento que lle chegou xa xubilada e que rexeitou por humildade e timidez.

"Nin o podía imaxinar nin soñar. Nunca na vida o pensou; ela facíao por vocación e non pensaba en que podía chegar máis lonxe. Foi unha sorpresa para ela e unha marabilla para todos", recoñeceu a súa sobriña Regina. 

A festa comezou con todo o alumnado e profesorado do centro cantando a canción que escribiron para renderlle homenaxe cando se bautizou o centro. "Ti es, Conchita, de toda a xente. A profesora máis chupiguay onte agora e sempre. Pois, dende hoxe, es inmortal".

Chegaron logo os aniversarios felices, unha torta cos seus 100 anos, un ramo de flores que lle arrincou un sorriso e moitos aplausos. 

A emoción invadiu a todos os presentes e, en especial, a Amalia, Tere, Pepita, Marisa e Pili, que lembraron aqueles primeiros pasos do centro.

Pouco persoal, moito alumnado, poucos recursos e moitas ganas de traballar confluíron neste colexio hoxe convertido en referente. De Conchita "todo o que diga é pouco", recoñeceu Marisa durante o acto.

"Profesora excelente, compañeira, bellísima persoa, sempre de bo humor" e, por encima de todo, alguén a quen "lle encantaba os nenos". Son algúns dos aspectos da súa personalidade que destacou desta compañeira que, solteira e sen fillos, foi a nai de moitas xeracións de alumnos.

"Hai moitos anos emprendemos o traballo de poñer a funcionar esta escola", rememorou Marisa, que compartiu todos os bos recordos que teñen todos con Conchita desde que en 1981 abriu o centro.

Todas conservan a súa vocación a pesar de levar anos xubiladas porque "nunca se deixa de ser mestra, é como o sacerdocio" e repasaron recordos non tan agradables como: "tiñamos que ir lavar as cortinas á casa. Cada unha levaba as súas cortinas para lavar; e menudas cortinas".

No verán levaban as pedras e peixes do acuario a casa para evitar o abandono, encargábanse da limpeza do material e suplían con enxeño a falta de medios. "Era unha verdadeira tolemia, pero foi todo moi bonito", insisten.

Foron décadas confeccionando traxes de Entroido -foron pioneiras-, facendo fotocopias con xelatina e emprendendo "loitas titánicas" co Concello de Pontevedra para ter calefacción ou cos xardineiros que ignoraban o centro nos seus labores deas mantemento. 

Eran oito e tiñan oito aulas, de modo que, calquera ausencia, debían suplila as compañeiras e crearon unha complicidade que mantiveron ata día de hoxe. "Xubilámonos todas aquí", presumen, fieis defensoras do centro e da decisión de bautizalo na honra a Conchita. "Ela non quería e dixémoslle: como non o imos a poñer? Se hai alguén que o mereza é ela. E creo que fixemos moi ben".