O orzamento de Marín para 2025 ven marcado polo gasto en servizos públicos esenciais

Marín
02 de decembro 2024
Actualizado: 17:42

A conta municipal ascenderá a 17,8 millóns de euros, rexistrando tres fortes incrementos de gasto: o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar, o da Piscina e o de Xestión de Residuos Urbanos

María Ramallo, alcaldesa de Marín Concello de Marín

O Orzamento municipal máis elevado da historia do Concello de Marín, ven marcado polo gasto en servizos públicos esenciais.

O goberno local presentou o borrador este luns nunha Comisión Extraordinaria de Facenda e nel se recolle a cifra que se manexará para o 2025 no municipio: 17,8 millones de euros.

Supón un incremento do 9,36% con respecto ao orzamento do 2024, cifrado en 16,3 millóns.

A alcaldesa, María Ramallo, na memoria que acompaña ao borrador, explica que o incremento de tres contratos claves na prestación de servizos públicos esenciais é o gran motivo tras a suba. O Servizo de Axuda no Fogar, o contrato de xestión da piscina municipal e a previsón de aumento do contrato de xestión dos residuos sólidos urbanos "aumentan as partidas destinadas a estos fins".

O resto das partidas mantéñense, en maior ou menor medida, cun reparto porcentual similar ao recollido no documento orzamentario do 2024.

"Pero o traballo de xestión cada vez é maior", declarou a alcaldesa, "debido ás dificultades de financiación ás que nos enfrontamos as entidades locais, así como pola situación económica actual e o incremento dos custes".

María Ramallo afirma que a financiación das entidades locais "segue a ser unha asignatura pendente, xa que non hai unha correlación real e asumible entre os ingresos e as esixencias de gasto para seguir prestando servizos de calidade". Por iso, o goberno local marinense di que cadrar e poder cubrir cos fondos propios todo o gasto corrente "é froito de moito traballo e moita xestión", engade a alcaldesa.

Debido a estas circunstancias, xustifica a alcaldesa, no orzamento non leva recollidas inversións directas con fondos municipais. Mais iso, tal e como lembrou Ramallo, "non significa que non se realizarán inversións de calado" xa que o Concello conta con financiacións externas doutras administracións a través de convenios e subvencións ou de captación de fondos europeos.

Nesa liña, Ramallo destacou a finalización da construción do Auditorio (nas anualidades que se corresponden co 2025), a reactivación do proxecto de remodelación do Liceo Casino nun centro de ocio xuvenil e o arquivo municipal, o remate das actuais humanizacións e a mellora de Rúa da Ponte, Pedreiras e a senda de Pardavila-Rúa Nova e toda a execución do Plan de Sustantibilidade Turística son as principais inversións que se prevén no orzamento.

Despois de ser trasladado ao resto de grupos da corporación na comisión extraordinaria deste luns, o borrador do documento elevarase a pleno o día 12 de decembro para a súa aprobación inicial. Despois, exporase públicamente para finalmente poder aprobalo de xeito definitivo.