Ortega Smith aterra en Pontevedra

Pontevedra
27 de xuño 2020

Un grupo de manifestantes congregouse este sábado na Alameda, escenario do mitin de Vox, para escenificar o rexeitamento dunha ampla parte de sociedade pontevedresa ao discurso e ideas do partido

Protestas durante o mitin de Vox en Pontevedra PontevedraViva

Podería ser a final dun grand slam de tenis, pero era un mitin de Vox. A cancha, a alameda. Ao servizo, Ortega Smith disparando palabras envelenadas contra símbolos de Galicia como Castelao ou o idioma. Ao resto, un nutrido grupo de pontevedreses que devolvían as bólas con cánticos antifascistas. E a rede, un cordón policial formado por axentes da Policía Local e Nacional que separaban dúas faccións opostas. A súa intervención impediu agresións físicas, pero non as provocacións lanzadas desde ambos os bandos.

A convocatoria do mitin do partido de extrema dereita mobilizou a unha sociedade que non tolera o discurso desde esta formación. Baixo o balcón da casa do concello, engalanada coa bandeira multicolor para a celebrar o Orgullo LGTBIQ+, foise concentrando un xentío ataviado con bandeiras e chifres para silenciar as súas palabras. Tampouco faltaron as reivindicacións, como a dunha parella de mulleres que se bicaron diante do palco de Vox para defender os dereitos do colectivo.

Referíndose aos manifestantes como seguidores de Pablo Iglesias, Ortega Smith non só cargou contra Feijoo e Rajoy, ao que responsabilizou da chegada á Moncloa de PSOE e Podemos. Para atacar o nacionalismo galego, non titubeou en cargar contra un símbolo de Galicia como Castelao, ao que, entre outros, tachou de "racista".

Desde o atril seguían saíndo bólas que caldeaban cada vez máis o ambiente. Cara ao final do acto, os simpatizantes de Vox, esporeados pola mensaxe triunfalista e vestidos con bandeiras de España, chegaron a encararse e a provocar con xestos aos manifestantes. Foi entón cando tivo que intervir a policía para desfacer un pequeno tumulto que se saldou con algunhas identificacións e, por fortuna, sen ter que lamentar ningún tipo de dano persoal nin material.

Antes do mitin na Alameda, Ortega Smith acudiu ás inmediacións de Príncipe Felipe, onde tachou de "cobarde y servil" a Alberto Núñez Feijóo por "claudicar" ante o nacionalismo e cambiar o nome do colexio polo da mestra Daría González García. Palabras que volveu repetir durante o acto e que contribuíu a incrementar o enfado dos protestantes, que non daban crédito ás palabras de Smith.

"El señor Feijóo, además de nacionalista, se ha vuelto republicano. Ya no engaña a nadie", sinalou o secretario xeral de Vox, para quen este é un "ejemplo clarísimo" de que Feijóo "se ha puesto de rodillas" ante as "políticas de imposición" dos partidos nacionalistas.