O presidente da Asociación de empresarios da mediana e pequena empresa (AEMPE), José María Corujo, presentou este xoves Edugal "o maior salón da oferta educativa da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal" que acollerá o recinto feiral de Pontevedra do 12 ao 14 do próximo mes de abril.
Nesta segunda edición, Edugal pretende poñer a disposición do visitante a maior información sobre a oferta educativa a nivel autonómico, consolidándose como un lugar de encontro entre o alumnado, os profesionais do ensino, os centros de formación e as institucións educativas.
Esta cita está especialmente dirixida ao alumnado de cuarto da ESO, Bachillerato e FP, intentando facilitarlles a transición á Universidade a través dunha primeira toma de contacto cos centros, e asesorándolles sobre as múltiples posibilidades e a variada oferta educativa existente.
O salón tampouco é alleo ao debate educativo actual polo que antes e durante a celebración do evento se programaron unha serie de foros, actividades e charlas paralelas, entre as que destaca o Congreso rexional da Confederación de Pais de Alumnos (CONFAPA).
Na primeira edición de Edugal asistiron 8.500 persoas
O presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Eduardo Barros, sinalou que na primeira edición de Edugal asistiron 8.500 persoas "unha cifra que este ano esperamos superar". Polo momento contan con máis de 40 expositores.
Universidades galegas e estatais, institutos de Formación Profesional, academias especializadas en ensino de idiomas, en formación militar, mobilidade, novas tecnoloxías aplicadas ao ensino e a aprendizaxe a distancia contarán con expositores na feira, que tamén brindará información sobre becas, webs especializadas e portais de emprego.
Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Carlota Román, recordou que Edugal "naceu da man do Concello" e agradeceu a aposta dos empresarios por esta iniciativa "AEMPE é a malla máis resistente que une aos actores da economía local e mantén un camiño de mellora contínua", afirmou.
Os organizadores tamén foron programadas clases maxistrais de cociña, un desfile de moda e outras exhibicións de oficios como carpintería, automoción ou perruquería. A maiores, o día 14 de abril celebraranse na feira as semifinais e finais do concurso escolar titulado "Olimpiadas do Recreo", unha actividade que se dirixe aos centros de Ensino Primario de Pontevedra.