O Centro de Información á Muller de Sanxenxo vai levar a cabo unha xornada educativa de prevención contra as violencias machistas o vindeiro venres 24 de novembro, de 19 a 21 horas, no Pazo Emilia Pardo Bazán, onde se tratará o tema da educación afectivo sexual nas familias dentro do programa "Sanxenxo. Concello libre de violencias machistas".
A actividade está subvencionada pola Deputación de Pontevedra no marco da convocatoria de subvencións dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para 2023.
Esta charla completa a formación que se está levando a cabo co alumnado de 6º primaria e 2º ESO en "Educación afectivo sexual saudable como prevención das violencias machistas". Poden participar todas as persoas interesadas no tema, pero sobre todo vai dirixido a familias con adolescentes para dotalas de ferramentas e poder orientalos.
A sexualidade segue sendo un tema tabú en moitas familias, e os adolescentes seguen buscando información nos medios menos adecuados, cando a mellor fonte de información deberían ser as propias familias. Será unha sesión práctica e resolutiva, onde se resolverán as preocupacións concretas de cada familia.
Para organizar a actividade e elixir o mellor espazo, solicítase inscrición previa en cim@sanxenxo.org ou no teléfono 986 727 901.