Organizan unha xornada formativa centrada nas mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero

Pontevedra
28 de febreiro 2024

A actividade terá lugar o próximo xoves 7 de marzo na Subdelegación do Goberno e enmárcase no programa de actividades organizado co gallo da celebración do Día Internacional das Mulleres

Subdelegación do Goberno en Pontevedra Mónica Patxot

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra súmase á programación polo Día Internacional das Mulleres ofrecendo unha xornada de formación centrada na atención ás vítimas de violencia machista sobre o marco xurídico aplicable ás mulleres estranxeiras.

Segundo informou o subdelegado do Goberno, Abel Losada, o obxectivo da xornada é ampliar a formación do  persoal dos servizos sociais e Centros de Información á Muller (CIM), traballadores e traballadoras de ONG, membros das forzas e corpos de seguridade, avogados e avogadas e calquera outro profesional que traballe no campo da prevención da violencia de xénero.

A actividade levará a cabo no salón de actos da Subdelegación o día xoves 7 de marzo entre as 10.00 e as 12.00 horas.

O xefe da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación do Goberno, Juan Carlos Vázquez, será o encargado de impartir a formación.

A asistencia é gratuíta pero as prazas limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a secretaria_general.pontevedra@correo.gob.es indicando nome, apelidos, DNI, teléfono, dirección electrónica e profesión.