Organizan unha viaxe sensorial e nocturna á Illa de Tambo

Poio
16 de xullo 2023

Irmandade Illa de Tambo propón un percorrido por este espazo natural da ría de Pontevedra o vindeiro 24 de xullo con saída ás 20.00 horas do Porto de Combarro para regresar preto da medianoite. O prezo é de 20 euros por persoa

Un grupo de persoas visita a illa de Tambo PontevedraViva

Irmandade Illa de Tambo realiza unha suxestiva proposta para o vindeiro luns 24 de xullo. Trátase dunha viaxe á Illa de Tambo cando comece o atardecer coa intención de aproveitar a maxia dese horario para percorrer ese espazo natural da ría de Pontevedra.

O colectivo organzador lembra que a historia está ligada ás emocións e aos sentidos en Tambo. Búscase que os visitantes cargen as baterías coa enerxía do aire, da auga e da terra durante este percorrido.

A viaxe iniciarase ás 20.00 horas do porto de Combarro, a través de Cruceiros Pelegrín e o regreso está previsto para as 23.45 horas ao mesmo punto. Durante a viaxe de regreso vai servirse un refrixerio especial no catamarán.

O prezo, que inclúe a visita guiada coa viaxe en barco e o complemento alimenticio, é de 20 euros. Os menores con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos pagarán 10 euros e os menores de 6 anos poderán acceder gratis.

O número de participantes limítase a 60 persoas. Para inscribirse é necesario enviar un correo electrónico a irmandadeilladetambo@gmail.com. Debe notificarse o nome, apelidos e número do DNI.

O prazo máximo para anotarse finaliza o 20 de xullo.