Organizan obradoiros nos colexios de Pontevedra para previr o machismo e a violencia sexual

Pontevedra
16 de maio 2021

O obxectivo desta iniciativa é lograr que o alumnado reciba formación en valores e actitudes de igualdade libres de estereotipos, evitar a violencia de xénero nas redes sociais, identificar as relacións afectivas tóxicas e previr as violencias sexuais

Obradoiro sobre machismo e violencia sexual no CEP Campolongo Concello de Pontevedra

Máis de medio milleiro de nenos e nenas de cinco centros educativos de Pontevedra participaron xa nos obradoiros talleres de prevención do machismo e da violencia sexual que está a impulsar a área municipal de Igualdade.

Estes obradoiros desenvolvéronse nos colexios de Campañó, Xeve, Campolongo e Lérez, así como no IES Luis Seoane de Monte Porreiro.

O obxectivo desta iniciativa é lograr que o alumnado reciba formación en valores e actitudes de igualdade libres de estereotipos, evitar a violencia de xénero nas redes sociais, identificar as relacións afectivas tóxicas e previr as violencias sexuais.

Os obradoiros, deseñados e impartidos polas formadoras especialistas en xénero e coeducación Priscila Retamozo Ramos e Amara Pérez Davila, abordan diferentes temáticas e están pensados en función das idades do alumnado ao que van dirixidos.

Entre as charlas ofertadas inclúese un taller denominado Libres de estereotipos, para promover a igualdade entre mulleres e homes desde o último ciclo de Primaria; e outro titulado Non é non, de prevención da violencia sexual en Bacharelato e FP.

Ademais, un obradoiro coa epígrafe Hackeando ao machismo a golpe de memes, directs e likes, explícanse os conceptos fundamentais da teoría feminista e se interpela e anima á mocidade a ter unha conciencia crítica, aprendendo a ver como o machismo impregna as súas vidas e se lles alenta a crear contidos sobre realidades máis plurais, diversas e igualitarias.

A edil de Igualdade, Yoya Blanco, explica que este programa permite sinalar os estereotipos de xénero existentes nas relacións e tarefas familiares, no uso da linguaxe ou nos medios de comunicación ou formar en valores e actitudes de igualdade que ensinen aos rapaces a compartir dende o respecto, o recoñecemento mutuo, a autonomía e a corresponsabilidade.

Tamén axudan a previr a violencia sexual, contrarrestar as formas, mensaxes e actitudes aprendidas de forma cotiá que abonan o terreo para as relacións de desigualdade e que fomentan actitudes violentas ou propoñer outros modelos de relación, referentes máis igualitarios e entender as redes sociais como ferramentas para o cambio social.