A zona do Vao é, xunto con Campelo e o sector do marisqueo, un dos puntos quentes da covid-19 en Poio. Como lugar no que o avance da enfermidade preocupa de xeito especial, este martes comezou un cribado xeral ao que está citada a totalidade dos 420 veciños da zona, e que desde as 9.00, e durante varias horas da mañá, deixou imaxes singulares como persoas que acudiron mesmo en pixama, pero, sobre todo, unha imaxe de normalidade e seguemento masivo da poboación.
Comezou nesta primeira xornada con 172 persoas citadas, os residentes na zona coñecida como o poboado do Vao de Arriba, e para o mércores están citados en horario de mañá e tarde os habitantes do Vao de Abaixo e tamén do resto desta zona de Poio, as casas situadas fóra do poboado chabolista.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, Nito, desprazouse este martes ata a zona na que se está a facer e puido comprobar que na primeira xornada, "a xente cumpriu", acudiron "moi ordenados" e de xeito "masivo".
Algúns andando e outros en coche, toda a poboación que estaba chamada ao cribado acudiu á carpa instalada na explanada xunto ao local social da Asociación de Veciños de O Vao, na parroquia de San Salvador, na que o persoal do Servizo Galego de Saúde fixo probas PCR a todos eles.
Sobral explica que no Concello tiveron constancia da situación da zona do Vao o pasado venres a través de informacións da xerencia da área sanitaria, que lles pediu colaboración para preparar o cribado e tamén que a Policía Local reforzara a vixilancia na zona.
O propio alcalde e os responsables policiais reuníronse co patriarca do poboado e fixeron unha petición xeral a poboación para que se autoconfinara. Ademais, reforzáronse os controis durante toda a fin de semana e confirma que "masivamente cumpriron".
Durante esta primeira xornada de cribado no Vao, o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Poio tiveron constancia dun "bulo" que falaba de que o cribado se suspendera por razones de orden pública. As dúas institucións negan que sucedera e garanten a normalidade na actividade.