Optimismo ante unhas previsións "moi boas" para o turismo en Semana Santa e "fantásticas" para o resto do ano

Pontevedra
11 de abril 2022

Alfonso Rueda sinalou que as previsións meteorolóxicas apuntan a que a medida que avanza a semana o tempo mellora e iso "sempre axuda ás reservas de última hora". As reservas xa son mesmo superiores ao 80% nalgunhas zonas e aínda "falta ese último empuxón"

Turistas en Pontevedra Mónica Patxot

As previsións de chegada de turistas durante a Semana Santa son "moi boas" e agárdanse que as do resto do ano sexan "fantásticas". Así o manifestou este luns o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, responsable da carteira de turismo no Goberno galego.

Rueda sinalou, a preguntas dos medios de comunicación en Pontevedra, que aínda que este luns está a chover, as previsións meteorolóxicas apuntan a que a medida que avanza a semana o tempo mellora e iso "sempre axuda ás reservas de última hora", e axudará a "completar unhas previsións fantásticas". 

A día de hoxe, as reservas xa son "moi altas", mesmo superiores ao 80% das prazas nalgunhas zonas e aínda "falta ese último empuxón". 

Como resultado final, agardan que a Semana Santa sexa boa e sirva de "preludio dun verán moi bo". De feito, o vicepresidente responsable de Turismo confesa que é "moi optimista" con que as previsións para esta Semana Santa sexan "moi boas". "Para o resto do ano van ser fantásticas", prevé.

Ademais, destaca que o Xacobeo 2021-2022 "está tirando moito", cunha media de 1.000 peregrinos diarios nestes días. Cando remate a semana, prevé que o número será "moito maior".

Os datos do Xacobeo son un "bo indicativo do atractivo que ten Galicia" e tamén un bo indicativo do turismo internacional, pois están a chegar moitos peregrinos estranxeiros, o que "quere dicir que moitos estranxeiros tamén van elixir Galicia".