Oposición do PSOE á remodelación do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo

Sanxenxo
23 de febreiro 2021

A portavoz socialista defende que para garantir a calidade do servizo é necesario manter o persoal actual de 18 traballadores

Caída dunha árbore en Sanxenxo polo temporal Emerxencias de Sanxenxo

A poucos días de que o Concello de Sanxenxo reúnase cos sindicatos para abordar a reorganización do servizo municipal de Emerxencias, a agrupación local do Partido Socialista expresou a súa frontal oposición á medida.

Segundo a portavoz socialista Ainhoa Fervenza esta remodelación, a pesar da afirmación do alcalde de que se manterán os 18 postos de traballo do servizos, "ten trampa, xa que o que realmente propón é que 6 destes 18 traballadores sexan trasladados a outro servizo, ou, o que ven sendo o mesmo, que 12 persoas asuman o traballo de 18".

Para defender a súa proposta desde o Concello compárase co resto de grupos de emerxencias municipais (GES) de Galicia, ao non superar ningún os 12 traballadores.

"O que Telmo non di é que eses GES con menos operarios abarcan unha poboación moi inferior á de Sanxenxo no inverno, xa non falamos da poboación do verán", sinala Fervenza.

A representante do PSOE lembrou que "o noso servizo de emerxencias dá cobertura aos concellos de Poio, O Grove, Meaño e Sanxenxo, que en total suman unha poboación fixa superior aos 50.000 habitantes e que chega case a 200.000 no verán". Por ese  motico "se queremos coidar a calidade do servizo e dar unha correcta cobertura a nosa veciñanza necesitamos a todos os operarios; aos 18 máis todos os extras estivais que teña a ben enviar a Xunta de Galicia".