Operarios a pleno rendemento para parchear as fochas que deixaron os temporais

Pontevedra
20 de novembro 2023

Na mañá deste luns 20 de novembro comezaban os traballos de acondicionamento do firme que discorre entre as escaleiras da Alameda de Pontevedra e o Monumento aos Heroes de Ponte Sampaio, moi deteriorado polo paso de varios temporais

Traballos para parchear as fochas e achaiar o pavimento xunto á Alameda Mónica Patxot

Na mañá deste luns 20 de novembro comezaban os traballos de acondicionamento e reparación do firme que discorre entre as escaleiras da Alameda de Pontevedra e o Monumento aos Heroes de Ponte Sampaio, que presentaba un aspecto moi deteriorado polo paso de varios temporais.

Os 34 días consecutivos de fortes choivas que se viviron na cidade provocaron que nesta zona se producisen diversas fochas que, á parte do perigo de caídas para os viandantes, provocaban a formación de grandes charcos que furaban cada vez máis o terreo areoso e imposibilitaban o paso dos peóns.

Aproveitando unha tregua nas precipitacións, á primeira hora do día procedíase ao valado desta zona de tránsito habitual, que une a rúa Alameda con Montero Ríos.

A empresa encargada destas tarefas é a pontevedresa Eicros Xestión.

Trátase da mesma firma que levou a cabo a humanización dos máis de 8.000 metros cadrados que ocupan a praza de España e as zonas verdes anexas, entre as que se inclúe o espazo sobre o que se está actuando.

Tres operarios procedían a parchear as fochas e achaiar o pavimento. Un deles accionaba a pa escavadora, coa que depositaba a terra para o parcheo, mentres os seus dous compañeiros completaban a tarefa restrelando o chan.

O remate destes traballos está previsto para esta mesma xornada.