Operación de retirada de vehículos abandonados nos aparcadoiros públicos de Marín

Marín
06 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Sete vehículos foron retirados polos seus propietarios ao seren notificados pola Policía Local de Marín xa que  non podían seguir estacionados na vía. Outros cinco foron destinados a residuo urbano ao permanecer en estado ruinoso

A Policía Local de Marín retira vehículos abandonados de aparcadoiros públicos Concello de Marín

A Policía Local de Marín desenvolve durante estes días unha campaña para eliminar dos aparcamentos públicos aqueles vehículos que se atopan abandonados. 

O Concello considera que estes vehículos provocan un problema nos espazos de aparcamento gratuíto ao invalidar prazas e impedir a rotación para o uso normal das prazas de estacionamento.

Durante a xornada do venres, os axentes acudían ao aparcamento público de Sagrada Familia. Alí retirouse un turismo que presentaba signos de abandono ao observarse as rodas picadas e rotura de xanelas.

Ademais outros doce coches foron retirados nas últimas xornadas. Nalgúns casos os propios particulares encargáronse de trasladalos, ao ser notificados pola Policía Local de que debían retirar os coches.

Outros cinco pasaron directamente a ser catalogados residuo urbano, servizo que ofrece o Concello de Marín a través dun acordo de colaboración coa Deputación de Pontevedra.

Os turismos retirados permanecían en zonas do centro urbano como Ponte Zapal, República Arxentina, barriada de Suboficiais, Avenida de Ourense ou en Jaime Janer. 

O Concello lembra que o abandono dos vehículos é unha infracción que supón o pago de sanción económica, á que se suma o traslado do guindastre e a estancia no depósito, no caso de que o turismo non se destrúa.