Unha nova operación antidroga desenvolvida na zona de Arousa deixou polo menos sete detidos este mércores.
A operación realizárona de forma coordinado a Garda Civil e a Policía Nacional durante a noite do martes e a madrugada deste mércores, con epicentro en Vilanova de Arousa.
Esta localidade arousá amenceu este mércores cunha imaxe que nos últimos tempos converteuse xa case en habitual, a dunha lancha planadora varada na praia. Hai escasas semanas, o día de Nadal, aparecera outra embarcación de similares características na mesma zona.
No caso da embarcación deste mércores, tería relación cun grupo de narcotraficantes ao que a Garda Civil e a Policía Nacional seguían a pista desde hai tempo.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, indica que esta operación forma parte dunha investigación que se atopa baixo segredo de sumario no Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa.
Atendendo ao segredo das actuacións, e para non comprometer "no máis mínimo" a investigación, tan só confirma que se produciron varios rexistros e foron detidas sete persoas na zona de Vilanova de Arousa
Losada recoñece que se interveu "unha importante cantidade de cocaína distribuída en fardos" e tamén útiles e materiais relacionados co narcotráfico. Outras fontes consultadas apuntan a que podería tratarse de preto dunha tonelada de cocaína.
A operación realízana o Equipo contra o Crime Organizado (ECO) da Garda Civil e o Grupo de Resposta contra o Crime Organizado (GRECO) e a Brigada Central de Estupefacientes (UDYCO) da Policía Nacional.
Como subdelegado do Goberno, Losada quixo mostrar a súa "satisfacción" polo "intenso traballo" das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e porque se constata a "enorme presión á que están sometidos os narcotraficantes nesta provincia".