Ons celebra os vinte anos do Parque Nacional das Illas Atlánticas, un "emblema turístico" de Galicia

Bueu
04 de xullo 2022

Coincidindo co vixésimo aniversario da creación parque nacional, Alfonso Rueda visitou a illa de Ons para reiterar o "firme compromiso" do executivo autonómico con estas illas. Ons "é unha parte importantísima deste parque", destacou Rueda, para quen este enclave natural é un exemplo do modelo turístico "que queremos impulsar" desde o goberno galego.

Alfonso Rueda visita Ons coincidindo co 20 aniversario do parque nacional EFE / Lavandeira Jr.

A Xunta de Galicia destinará máis de seis millóns de euros ata 2023 para garantir que catro arquipélagos que integran o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia sigan sendo un "emblema turístico" para toda Galicia.

Coincidindo co vixésimo aniversario da creación parque nacional, o presidente galego Alfonso Rueda visitou a illa de Ons, pertencente ao municipio pontevedrés de Bueu, para reiterar o "firme compromiso" do executivo autonómico con estas illas.

Ons, que integra este parque nacional desde 2002 xunto con Cíes, Cortegada e Sálvora, "é unha parte importantísima deste parque", destacou Rueda, para quen este enclave natural é un exemplo do modelo turístico "que queremos impulsar" desde o goberno galego.

A xestión destas illas, apuntou o dirixente autonómico, permite "preservar esta marabilla natural" e, ao mesmo tempo, servir como "polo de atracción" a nivel turístico para o resto de atractivos que ofrecen as principais localidades galegas.

"É posible compatibilizar a preservación do litoral coa actividade humana", destacou o titular da Xunta na súa intervención, impulsado un uso "ordenado, racional e sostible".

A iso sumou, no caso de Ons como única illa habitada por residentes fixos, o "respecto" aos illáns que viviron nela "toda a súa vida" e aos que garantiu que conservarán "as condicións de propietarios ás que teñen dereito".

Dentro desta estratexia de conservación, Alfonso Rueda celebrou que as cotas de visitantes establecidos hai anos "están a funcionar moi ben" e contribúen a que as illas manteñan intactas os seus valores ecolóxicos e ambientais.

"Temos claro o que hai que preservar, o que hai que conservar e o que hai que mellorar", sostivo Rueda, para que o turismo que chega a estas illas sexa "sostible e respectuoso".

Con este obxectivo, no caso da illa de Ons, a Xunta de Galicia investirá 800.000 euros para acometer nun proxecto para reformar e actualizar todo o sistema de depuración de augas residuais e a rede de abastecemento de auga potable.

A estes traballos, que arrancarán no mes de setembro, sumaranse posteriormente outras actuacións en materia de conservación e mellora da biodiversidade, recuperación da vexetación autóctona, eficiencia enerxética ou renovación de infraestruturas e servizos. 

Unha vez concluída a tempada alta turística retomaranse tamén os traballos arqueolóxicos na illa de Ons, destinados a profundar nos coñecementos dos antigos asentamentos romanos que había nela hai máis de vinte séculos, entre eles unha fábrica de salgadura.

O arquipélago de Ons, ademais, é un dos bens de interese cultural (BIC) beneficiados con fondos europeos Next Generation para a mellora das súas infraestruturas básicas e a súa accesibilidade, a reordenación do mobiliario público e a disposición de sinalización. 

Dentro deste plan, que recibirá 1,4 millóns, actuarase no porto de acceso á illa, o centro de información, a súa rúa principal, a contorna da depuradora, os accesos ás praias, a recuperación de todos os camiños ou o almacén para as embarcacións dos pescadores.