O Concello de Cerdedo-Cotobade chegou a esta ponte de decembro cos deberes feitos. Durante os últimos días, puxo a punto os once roteiros saudables dos que dispón en este momento por todo o municipio como xeito de incentivar a oferta turística familiar e natural durante os días festivos.
Entre outras accións, o Concello editou folletos divulgativos individualizados para todos os trazados indicando o modo de sinalización, o percorrido e as características do sendeiro.
Esta iniciativa, xurdida hai uns meses por iniciativa dos técnicos municipais, conta coa colaboración activa da veciñanza. Foron trazados e sinalizados seguindo en moitos casos as indicacións dos residentes na zona sobre os vellos camiños e os itinerarios que facían no pasado para se desprazar pola zona.
O alcalde, Jorge Cubela, salientou o éxito desta iniciativa que se ten convertido ao longo destes meses nun reclamo turístico fundamental, así como unha escusa para fomentar a práctica da actividade física regular dun xeito accesible, seguro e atractivo para a poboación residente e visitantes.
O alcalde e o encargado das instalacións deportivas, Óscar Barreiro, presentaron no seu día estes roteiros, que buscan poñer ao alcance de calquera persoa cunha condición física normal un sendeiro para poder camiñar ou facer deporte percorrendo diferentes rutas perfectamente sinalizadas que permiten visitar espazos de recoñecido interese natural, cultural, arquitectónico ou mesmo polo seu carácter social para os practicantes.
Son roteiros circulares, non teñen unha extensión superior aos 4 ou 6 quilómetros e para percorrelos tárdase unha duración media aproximada duns 45-50 minutos.
Para coñecer e facer un seguemento dos Roteiros Saudables o Concello de Cerdedo-Cotobade habilitou un acceso en redes sociais como Facebook e Instagram e tamén no blog.