Once empresas optan a executar a reforma de Virxe do Camiño

Pontevedra
02 de marzo 2018

Este venres reuniuse a mesa de contratación para os proxectos de reforma de Virxe do Camiño e de iluminación das pontes de As Correntes, Tirantes, Compostela e a pasarela peonil de acceso á Illa do Covo. Sete empresas presentaron ofertas para esa segunda actuación

Rúa Virxe do Camiño e contorna PontevedraViva

Un total de 11 empresas optan a realizar as obras de reforma da rúa Virxe do Camiño, un proxecto orzado en 1.411.000 euros que inclúe actuacións nos entronques con Sagasta e Eduardo Pondal e nas rúas de pequeno tamaño José Casal e Mariscal Pardo de Cela.

O portavoz do goberno local, Raimundo González, deu a coñecer que este venres reuniuse a mesa de contratación para esta obra e abríronse o sobre coa documentación administrativa das empresas que optan á licitación e o denominado sobre B, relativo á organización e a cuestións suxeitas a xuízos de valor. 

Todas as empresas seguen a tramitación e agora o proceso segue en marcha á espera de que os servizos técnicos elaboren os seus informes antes de abrir as ofertas económicas. 

As empresas que optan á reforma son Pavimentos y Obras SL.; Elsamex; Copcisa; Nexia; Hordescon S.L.; Oresa; e as UTE (Unión Temporal de Empresas) de Prace- Excavaciones Rodríguez, Covsa - EC Casas, O3- Manuel Novoa Castro, Acevi - Hidromiño e Ediserpo-Ognios.

Esta reforma supoñerá darlle un tratamento unitario a todo este barrio con tráfico reducido aos servizos e veciños. A principal novidade céntrase na ampliación da praza situada entre Eduardo Pondal e Virxe do Camiño que contempla a antiga entrada dos peregrinos a Pontevedra. A praza quedará a nivel da entrada ao Supermercado Froiz e instalarase unha escaleira ampla en dirección á rotonda de Eduardo Pondal.

Este venres tamén se celebrou, coa ausencia de catro membros, a mesa de contratación do proxecto para iluminar as pontes urbanas de Pontevedra de titularidade municipal excepto o do Burgo, isto é, As Correntes, Tirantes, Compostela e a pasarela peonil de acceso á Illa do Covo. 

O proxecto está orzado en 449.960 euros e presentáronse sete empresas: Covsa, Setga, Abelmar, Fema, Meldosa (Montaxes Eléctricos do Salnés), Endesa Enerxía e Copcisa. 

Como no caso da mesa de contratación anterior, abríronse o sobre coa documentación administrativa das empresas que optan á licitación e o denominado sobre B e agora correspóndelle ao técnico facer unha valoración sobre o sobre B