Ona Carbonell, unha voluntaria máis na limpeza da illa de Cortegada

O Salnés
11 de maio 2022

As xornadas de limpeza dos fondos mariños que, de maneira regular, impulsa Afundación dentro do programa denominado Plancto, contou este mércores cunha participante estelar: a medallista olímpica de natación sincronizada, Ona Carbonell

A deportista Ona Carbonell limpa lixo na illa de Cortegada Afundación

As xornadas de limpeza dos fondos mariños que, de maneira regular, impulsa Afundación dentro do programa denominado Plancto, contou este mércores cunha participante estelar: a medallista olímpica de natación sincronizada, Ona Carbonell.

A deportista catalá desprazouse ata a illa de Cortegada, en Vilagarcía de Arousa, para poñer o seu gran de area a estas tarefas de recollida de lixo mariño e concienciar á poboación sobre a importancia de coidar o medio ambiente e os mares.

"El planeta es de todos y si no lo cuidamos nos quedaremos sin él", explicou Carbonell no porto de Carril, antes de embarcar cara a Cortegada. Por iso, asegurou que "no lo dudé" cando recibiu a invitación para participar nestas xornadas.

A pouco máis de dous meses para converterse en nai por segunda vez, a madriña desta xornada explicou que "mi mundo, mi vida, es el agua, es el mar, es donde me siento feliz" e por iso alertou sobre a presenza masiva de microplásticos nas súas augas.

Tras recoñecer que "hay mucho camino por recorrer" para poñerlle freo a esta situación, Ona Carbonell insistiu en que "es muy importante que todo el mundo se implique" neste tipo de iniciativas, especialmente cando se trata de persoas con relevancia pública.

Asombrada polo encanto de Cortegada e alegre porque "el sol hoy nos acompaña", Carbonell compartiu esta xornada co voluntariado deste programa que, nesta ocasión, estivo formado por xubilados do Espazo +60 de Ourense, membros das asociacións Bata e Con Eles ou as propias mariscadoras de Carril.

En total, foron máis de 52 os quilos de lixo recollidos nos diferentes areais da illa, entre os que destacaron pola súa abundancia os tarugos plásticos extraviados durante os labores de cultivo de mexillón nas bateas.

Ademais, retiráronse pequenas marañas de seda, anacos de redes, tapóns, botes e botellas de bebidas, cabichas, restos de plástico de bastós para as orellas, palliñas para beber ou diversos envoltorios de plástico que non puideron ser identificados.