Olmedo e Regueiro volven disputar a presidencia do Liceo Casino

Pontevedra
09 de novembro 2018

Jaime Olmedo, actual presidente en funcións, e Alejandro Regueiro, volverán disputar a presidencia do Liceo Casino de Pontevedra nas eleccións que se celebrarán o próximo día 30 deste mes de novembro, ao pecharse o prazo de presentación de candidaturas na tarde deste xoves sen que se presentaron máis opcións que as súas

Regueiro e Olmedo saúdanse tras coñecerse o resultado das votacións do Casino
Regueiro e Olmedo saúdanse tras coñecerse o resultado das votacións do Casino / PontevedraViva

Jaime Olmedo, actual presidente en funcións, e Alejandro Regueiro, volverán disputar a presidencia do Liceo Casino de Pontevedra nas eleccións que se celebrarán o próximo día 30 deste mes de novembro, ao pecharse o prazo de presentación de candidaturas na tarde deste xoves sen que se presentaran máis opcións que as súas.

Tras o insólito empate a 458 votos rexistrado na primeira cita electoral celebrada o pasado 28 de setembro, a actual directiva en funcións interpretou que o que procedía era realizar un novo proceso completo, desde o seu inicio, fixando o calendario electoral que debe concluír o indicado 30 de novembro coa votación dos socios.

Nese calendario fixábase o prazo de presentación de candidatos e, a pesar de rumores que sinalaban a posibilidade de que aparecese en escena unha terceira candidatura alternativa, ao final haberá repetición de candidatos na pugna electoral. Alejandro Regueiro foi o primeiro en formalizar a súa presentación. Fíxoo o penúltimo día do prazo, este pasado mércores, pola tarde, facendo entrega na secretaría da sociedade de 155 firmas que lle avalan. Pola súa banda, Olmedo esperou ata o último día, o xoves en xornada matinal, acompañando a súa candidatura do aval de 179 socios.

Ambas as candidaturas foron proclamadas oficialmente, abríndose un prazo de dous días para posibles impugnacións, antes de dar paso a unha nova campaña electoral, entre o día 14 e o 24 de novembro, previa ás votacións, que, como na ocasión anterior, realizaranse na sede social, na rúa Manuel Quiroga de Pontevedra, entre as 10 e as 20:00 horas do venres día 30 de novembro.