Ollo aos peches de tráfico e supresión de aparcamentos en Vilagarcía con motivo da Cabalgata

O Salnés
04 de xaneiro 2024

A retirada de vehículos estacionados comezará ás 15.00 horas deste venres 5 de xaneiro pola avenida da Mariña e a partir das 17.00 polo resto das rúas polas que pasará o desfile, segundo advirte a Policía Local

Cabalgata de Reis Magos en Vilagarcía Concello de Vilagarcía de Arousa

A Policía Local de Vilagarcía de Arousa advirte da situación que experimentará a circulación de tráfico durante a xornada deste venres 5 no municipio con motivo do paso da Cabalgata de Reis Magos.

Lembran que se eliminarán prazas de aparcamento e pecharanse rúas por onde transcorrerá o desfile.

Está previsto que se supriman todos os estacionamentos por esas vías por onde pase o séquito real: a Avenida da Mariña (desde a intersección con Doutor Carús ata o supermercado Gadis); a Praza do Doutor Carús, Alexandre Bóveda (entre Doutor Carús e Castelao); Alejandro Cerecedo; Doutor Tourón (entre Alejandro Cerecedo e Praza de España); Praza de España; Edelmiro Trillo; Padre Feijoo; Arapiles e Praza Ravella (lateral do Concello entre o antigo Liceo e a Calexa de Ravella).

O guindastre comezará a actuar ás 15.00 horas pola Avenida da Mariña para retirar os vehículos que continúen aparcados. No resto do percorrido iniciarase a retirada a partir das 17.00 horas.

Tamén se cortará o tráfico rodado na Avenida ds Mariña ás 17.00 e o resto das rúas iranse cortando progresivamente coincidindo coa chegada da comitiva cara á Praza de Ravella.

Piden á cidadanía que, no posible, a veciñanza garde os vehículos nos garaxes con antelación e os que carezan desta posibilidade que tente estacionalos con antelación fóra das vías do desfile.

Recoméndase aos visitantes que entren en Vilagarcía antes das 18.00 horas para acceder ás zonas de aparcamento como os da estación de trens, Xulgados, zona de Mercado ou do Porto; de estacionamento disuasorio gratuíto ou aos aparcadoiros públicos.

A Policía Local pide que se evite circular por toda a zona urbana entre as 19.00 e as 21.00 horas. Recomendan o uso de zonas alternativas: Rivero de Aguilar - entrada portuaria -; avenida Pablo Picasso; avenida de Cambados, Doutor Tourón, Rodrigo de Mendoza; e Avenida das Carolinas.

En caso de urxencia médica ou doutro tipo, o teléfono ao que dirixirse é o 986.501.582 da Policía Local, que se encargará de organizar a chegada de medios de auxilio necesarios.