Oito premios para pór en valor a creatividade e capacidade de innovación do alumnado

Pontevedra
26 de maio 2022

A creatividade e a capacidade de innovación do alumnado da Universidade de Vigo foron postas en valor este xoves na Casa das Campás, nun acto de entrega de premios nos que se outorgaron oito galardóns, resultado de tres certames promovidos pola Vicerreitoría do campus nos últimos meses

Oito premios para pór en valor a creatividade do alumnado do campus Universidade de Vigo

A creatividade e a capacidade de innovación do alumnado da Universidade de Vigo foron postas en valor este xoves na Casa das Campás, nun acto de entrega de premios nos que se outorgaron oito galardóns, resultado de tres certames promovidos pola Vicerreitoría do campus nos últimos meses. 

Por un lado, neste evento fíxose entrega dos II Premios CREA-Creatividade e Innovación, impulsados co apoio do Consello Social da Universidade e dirixidos a promover o traballo interdisciplinar do alumnado a través de obras e proxectos que impliquen o traballo conxunto de estudantes de diferentes ámbitos. 

Nesta edición, o primeiro premio foi para 'Valoración en un click', unha base de datos de valoración clínica e funcional realizada por Karina Pitombeira, José Míguez e Irimia Mollinedo. 

O segundo premio deste certame, dotado con mil euros, foi para Andrea Guisande, e Lucía Vázquez, polo conto ilustrado Larry el pingüino. 

Tamén se outorgaron neste acto os premios 'Múltiples olladas ao redor das Letras Galegas', nos que se convidaba ao alumnado a reinterpretar en diferentes disciplinas a obra de Florencio Delgado Gurriarán. O primeiro premio foi para a artista e alumna do máster en profesorado Rebeca López Vilar, por Versos para..., unha obra pictórica que recolle parte dun poema satírico que o poeta de Valdeorras dedicou ao ditador Francisco Franco. 

O segundo premio foi para a musicalización para voz e piano do poema Morelia que realizou o alumno do Grao en Educación Primaria Daniel Ardao, e o terceiro premio foi para a alumna do doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural Lucía Rodríguez, quen desde o campus de Ourense remitía ao certame unha obra titulada Os Vieiros de Florencio, unha infografía que fai referencia á traxectoria do poeta, “especialmente nun momento da súa vida tan importante como foi o exilio a México”.

O acto completouse coa entrega dos tres premios, consistentes en cheques para material formativo e educativo, dun concurso de fotografía en Instagram, aberto a toda a cidadanía, dirixido a recoñecer imaxes que amosasen diferentes visións da idea de creatividade.