Oito novos positivos na área sanitaria, que ten 26 pacientes confirmados de coronavirus

Pontevedra
16 de marzo 2020

Dos positivos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, seis son pacientes que se atopan hospitalizados e illados, cinco no Hospital Montecelo de Pontevedra e un no Hospital do Salnés, segundo fontes oficiais. Ningún deles está na UCI e o resto están en illamento no seu domicilio

Hospital Montecelo Cristina Saiz

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou nas últimas 24 horas oito novos casos de coronavirus confirmados, que elevan o total de positivos a 26 segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade despois da última actualización de positivos realizado na mañá deste luns.

Na área sanitaria, dos 26 positivos, seis son pacientes que se atopan hospitalizados e illados, cinco no Hospital Montecelo de Pontevedra e un no Hospital do Salnés, segundo sinalaron fontes oficiais. Ningún deles está na UCI e o resto están en illamento no seu domicilio.

Nesta área sanitaria rexistrouse a última hora do sábado un falecemento por esta enfermidade, o segundo de Galicia. Foi un home de 81 anos, con varías patoloxías, que se atopaba ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra, e que dera positivo importado na proba de coronavirus.

O número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 239, dos que 80 son da área da Coruña, 16 da de Lugo, 28 da de Ourense, 26 da de Pontevedra, 46 da área de Vigo, 37 da de Santiago, e 6 da de Ferrol. 

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.