Oito días dunhas Festas da Peregrina que serán "como as recordábamos"

Pontevedra
19 de xullo 2022

As Festas da Peregrina deste ano serán "como as recordábamos". É a promesa que fixo a edil de Festas, Carme da Silva, que este martes presentou a programación completa da semana grande da cidade, da que xa coñecían os seus principais concertos

Presentación das Festas da Peregrina 2022 Mónica Patxot

As Festas da Peregrina deste ano serán "como as recordábamos". É a promesa que fixo a edil de Festas, Carme da Silva, que este martes presentou a programación completa da semana grande da cidade, da que xa coñecían os seus principais concertos.

Tras dous anos de pandemia "retomamos a vida sen restriccións" para celebrar unhas festas que, destacou Da Silva, os pontevedreses "vivimos na rúa e en contacto coa xente".

Pontevedra "recupera totalmente" a súa actividade festiva cunhas Festas da Peregrina na que haberá oito días dunha programación "intensísima" e que encherán as rúas da cidade de "música, festa e alegría" durante esa semana.

"Será imposible estar en Pontevedra e non oír música da mañá á noite", avanzou a responsable de Festas, que desvelou que Los Planetas (13 de agosto) e Ilegales (20 de agosto) completarán os concertos no escenario da Praza de España.

Súmanse así ás actuacións de Zahara (14 de agosto), Coque Malla (15 de agosto), Fernando Costa (16 de agosto), Treixadura (17 de agosto), Juancho Marqués (19 de agosto) e Camela (21 de agosto), xunto co musical O Pequeno Rei da Sabana (18 de agosto).

O pregón das festas, o sábado 13 de agosto, regresará á Praza da Pedreira, xa que a Alameda e Montero Ríos estarán ocupadas polas atraccións e tómbolas das festas, que regresan tras dous anos nos que a súa actividade estivo moi limitada.

Haberá concertos tamén na Praza da Ferrería con Galifunk Brass (13 de agosto), o Coro Encaixe (16 de agosto), Marcelo Dobode (17 de agosto), o tributo a Sabina "Conductores Suicidas" (19 de agosto), Black Stones (20 de agosto) e Laroá (21 de agosto).

A eles sumaranse o espectáculo circense Rock Circ (15 de agosto) ou un certame de corais (14 de agosto), no que participarán a Coral Alameda do Fogar do Maior, a Coral Bela Helenes, a Coral Helénica, a Coral Polifónica AC do Chopo e a Coral Airiños de Campañó.

En todos eles "non haberá máis limitación de foro que ou espazo físico", segundo Da Silva.

Regresará tamén a tradicional Batalla de Flores, que será o 18 de agosto ás 19:00 horas, cun percorrido ampliado entre a avenida Virxinia Pereira e Pai Amoedo, "para que máis partes da cidade poidan gozar do espectáculo", aclarou a concelleira.

As verbenas volverán a Montero Ríos con Master e Salsa Costas (13 de agosto), Arena e Azabache (14 de agosto), A Rosa (15 de agosto), Tokio (16 de agosto), Monumental (17 de agosto), Eureka (18 de agosto), Fusión (19 de agosto), Nocturnos e Ámbar (20 de agosto) e Latino e Bahía (21 de agosto). Celtia será a protagonista da verbena de San Roque (15 de agosto).

Haberá ademais programación infantil na Praza da Curtidoira con espectáculos de Barafunda Animación (15 de agosto), Baobab Teatro (16 de agosto), Ghazafelhos Teatro (17 de agosto), Troula Animación (19 de agosto), Teatro ó Cubo (20 de agosto). Ademais, o luns 22 de agosto será o día infantil nas atraccións das festas, con grandes descontos.

As tiradas de fogos artificiais retómanse tamén pero con novidades. Non serán desde As Corbaceiras como era habitual, ante a negativa de Portos de Galicia. Así, os tres espectáculos pirotécnicos (sábado 13, luns 15 e domingo 21) serán entre a Ponte do Burgo e a de Santiago.

Dentro das celebracións relixiosas, pola súa banda, destacan o domingo 14, ás nove da noite, a procesión da Virxe Peregrina; e a procesión de San Roque desde Santa María, que será o martes 16 ás oito da tarde.

As festas serán amenizadas, por último, por pasarrúas por toda a cidade e que, entre outros, serán con Dúos Pontes, Gaiteiros das Rías Baixas, Celme, Veira do Río, Os de Algures, Os Alegres, Pola Vila, Pousos na Area, Fervellos de Pío, Charandonga, Charanga Mil9 ou Charanga OT.