Oito agrupacións disputaranse o XXVII Concurso de Murgas

Pontevedra
12 de febreiro 2018

A programación do Entroido de Pontevedra retomarase este luns despois dunha pequena parada para repoñer forzas durante a xornada do domingo. Farao con dúas citas ineludibles: a presentación do disfraz do loro Ravachol e a primeira eliminatoaria do Concurso de Murgas 

Final do Certame de Murgas 2017 Diego Torrado

A programación do Entroido de Pontevedra retomarase este luns despois dunha pequena parada para repoñer forzas durante a xornada do domingo. Farao con dúas citas tradicionais e ineludibles xa para os amantes desta festa, a presentación do disfraz do loro Ravachol e o inicio do XXVII Concurso de Murgas. 

A cita co loro Ravachol será ás 19.30 horas na praza da Peregrina, onde se dará a coñecer un dos segredos mellor gardados do ano na cidade: a temática do disfraz desta peza fundamental do Entroido pontevedrés. Recrearase para a ocasión a botica de don Perfecto Feijoo e haberá actuación de Comando Foucellas.

A cita coas Murgas será ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. Empezará a disputarse a primeira eliminatoria do concurso, no que este ano competirán oito agrupacións. Este luns competirán catro e este mércores 14, á mesma hora e no mesmo lugar, as outras catro. Xa o xoves 15 será a gran final. 

Este luns a primeira eliminatoria levará sobre o escenario ás agrupacións 'Os de Noalla', 'Val do Lérez. E agora que?', 'Murga do Naveiro. 50 cuquis de Brey' e 'Tropa de Moncha A Caralla', de O Grove. Na segunda eliminatoria do mércores estarán 'El Nacimiento de los PTV', 'Equipo Ja', 'Leña Verde' e 'Jana de Leira'.

Ademais, a programación deste luns inclúe entre as 10.00 e as 20.00 horas a cuarta edición do campamento urbano 'Entroido Pirata' para nenos de 8 a 12 anos no Casino Mercantil; e a partir das 17.00 horas obradoiro de xogos e disfraces na praza da Verdura.   

Arquivado en