Ofrecen Príncipe Felipe para acoller un máximo de 35 refuxiados afgáns

Pontevedra
24 de agosto 2021

A deputación pontevedresa poñerá ao dispor destes refuxiados a residencia da cidade deportiva do centro Príncipe Felipe. Serían un máximo de 22 persoas de forma individual, cifra que podería incrementarse ata eses 35 refuxiados se os acollidos son unidades familiares que formen grupos burbulla

Visita das autoridades ao centro de recepción de refuxiados afgáns Pool Moncloa / Fernando Calvo

Ata 35 refuxiados afgáns ofrécese a acoller a Deputación de Pontevedra para axudar a resolver esta crise humanitaria, segundo confirmou por carta a institución provincial á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

A deputación pontevedresa poñerá ao dispor destes refuxiados a residencia da cidade deportiva do centro Príncipe Felipe, en Pontevedra.

Serían un máximo de 22 persoas de forma individual, cifra que podería incrementarse ata eses 35 refuxiados se os acollidos son unidades familiares que formen grupos burbulla.

"Queremos cooperar na acollida das persoas que necesiten asilo en España", sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Neste ofrecemento, explicou Silva, tivéronse en conta os recursos existentes e os condicionantes derivados da pandemia, para poder garantir os protocolos de protección e prevención sanitaria neste centro de carácter social.

A Fegamp comezou este martes para recompilar información sobre a dispoñibilidade das distintas entidades da administración municipal para poder organizar o operativo de acollida en colaboración coas autoridades competentes.