Ofrecemento ao sector hostaleiro para ampliar as terrazas en Moraña para evitar grandes perdas económicas

Umia
05 de maio 2020

A alcaldesa Luisa Piñeiro contactou nas últimas horas cos 17 locais deste sector coa intención de darlle máis espazo para que recuperen canto antes a súa rendibilidade económica. Os establecementos poden abrir dende o luns 11, se Galicia acada a Fase 1, exclusivamente as súas terrazas cun 50% da súa capacidade

Protección Civil nunha rúa de Moraña Concello de Moraña

Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña, contactou telefonicamente estes últimos días con propietarios de 17 locais de Moraña para ofrecerlles a ampliación da superficie das súas terrazas para que, no caso de que renoven a súa actividade para partir do luns 11 cando está previsto o paso á fase 1 da desescalada, poidan instalar máis mesas das que habitualmente ocupan o seu espazo para ofrecer servizo.

O goberno local, con esta medida, pretende por unha banda recuperar canto antes a normalidade social e, por outra, que o sector recupere a rendibilidade económica despois de dous meses de peche. En todo caso, esta medida tamén busca que se respecten todas as medidas de seguridade e de distancia social para conter o contaxio de virus, segundo explican desde o Concello.

Para realizar a solicitude desta ampliación, os propietarios de cafeterías, bares e restaurantes deberán presentar ao longo desta semanaunha solicitude ao Concello para que poidan estar operativas a partir do luns 11.

Na fase 1, os hostaleiros poderán abrir exclusivamente a terraza cunha ocupación do 50%. A medida do goberno de Luisa Piñeiro busca que, naquelas rúas con beirarrúas con dimensións amplas, póidanse establecer o mesmo número de mesas de antes do confinamento pero con máis separación entre elas, que permitan o distanciamento social.