Obxectivo en Caldas: superar a cifra dos 10.000 habitantes

Umia
26 de agosto 2021

O Concello activou a emisión electrónica de volantes e certificados de empadronamento. O incremento de habitantes permitiría obter máis recursos económicos, mellorar servizos e incrementar o número de concelleiros, segundo indican desde o goberno local

Concello de Caldas de Reis Concello de Caldas de Reis

A sede electrónica do Concello de Caldas de Reis ofrece á veciñanza empadroada no municipio un servizo de emisión de volante e/ou certificado de empadroamento no municipio. 

O volante é un documento que se pide para, entre outras cuestións, a expedición da tarxeta sanitaria, consumación dun matrimonio civil, parellas de feito, expedición do DNI ou a solicitude de praza escolar ou axudas á dependencia. A súa tramitación é rápida, lembran desde o goberno local ao non requirir firmas específicas.

O certificado de empadroamento é un documento requirido para casos especiais ante os Tribunais de Xustiza ou para determinadas xestións en organismos estranxeiros. Neste caso requírense máis firmas e o seu trámite é máis lento.

Con este servizo electrónico, o Concello de Caldas fai un chamamento á poboación caldense sobre a importancia de empadroarse no municipio xa que a poboación durante a última década decreceu. 

Actualmente a cifra de habitantes é de 9.781 persoas, seis máis que en 2020. Desde o goberno local lembran que chegar á cifra de 10.000 habitantes empadroados supoñerá un beneficio para toda a poboación da vila, xa que o Estado destina unha asignación mensual aos municipios segundo o seu número de residentes.

Se se alcanza unha cifra maior, Caldas contaría con máis subvencións de diversos organismos públicos, máis recursos para mantemento e para mellora de servizos como iluminación pública, parques infantís, rede de sumidoiros ou zonas verdes. Tamén indican que se incrementaría o número de concelleiros, pasando dos 13 actuais a 17.