As obras da Rúa da Santiña retomaranse en xaneiro tras aceptar Fenosa soterrar o alumeado

Pontevedra
12 de decembro 2024

O alcalde informou tamén do acordo con Unión Fenosa Distribución para retirar, por fin, o transformador eléctrico do colexio de Barcelos, despois de que se completaran os trámites administrativos

Antigo pavimento da Rúa da Santiña Concello de Pontevedra

En xaneiro, xusto despois de Reis, poderán retomarse as obras de reforma integral da Rúa da Santiña, que levaban paralizadas desde hai semanas. Isto será posible tras o acordo alcanzado polo Concello con Unión Fenosa Distribución para soterrar todo o cableado do alumeado.

Será a compañía eléctrica a que corra con todos os gastos desta actuación, incluída a instalación das novas arquetas, segundo explicou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que pediu desculpas aos veciños por este atraso.

Fernández Lores afirmou que a actividade nestas obras non poderá volver antes ante o parón que se produce no Nadal en todo o sector da construción.

Tras este soterramento, a empresa Civis Global, encargada desta reforma, na que se invisten 1,8 millóns de euros, poderá comezar a colocar o pavimento definitivo en toda a rúa.

O rexedor asegurou ser "consciente" de que este atraso nas obras "é unha molestia" para os cidadáns e que non ter pavimento "xera certos problemas", pero considera importante que "xa que se fai a obra" o alumeado quede soterrado "do mellor xeito posible".

Con todo, agarda que se cumplan os prazos e estea rematada antes de xuño.

Esta intervención porá o ramo a unha reforma deseñada para humanizar esta rúa, pola que discorre un tramo do Camiño Portugués a Santiago. Abarca os 800 metros de lonxitude que teñen a Rúa da Santiña e a Rúa da Gándara, desde o seu inicio na Avenida da Coruña ata a súa conexión co ENIL da Xunqueira de Alba, no tramo final da rúa Martín Códax.

O primeiro tramo, entre o cruzamento coa Avenida da Coruña e a rúa Valentín Paz Andrade, terá un carácter máis urbano debido á presenza de bloques de vivendas; e o segundo, cun carácter máis rural, é ata o cruzamento coa Rúa da Gándara.

A nova Santiña terá un pavimento en formigón continuado en toda a rúa para unificar a intervención. Dispoñerá de arboledo para facer máis brando percorrido, principalmente liquidámbar e chopos. Terá mobiliario urbano como bancos, cadeiras e conservará a fonte existente. A iluminación será a través de báculos e farois suxeitas en fachadas. 

Un dos traballos principais da obra será a substitución de todos os servizos soterrados da rúa: abastecemento, saneamento, servizo eléctrico, gas e telecomunicacións. 

TRANSFORMADOR DE BARCELOS

O alcalde informou tamén do acordo con Unión Fenosa Distribución para retirar, por fin, o transformador eléctrico do colexio de Barcelos, despois de que se completaran todos os trámites administrativos, "que foron moitos".

Así, Fenosa sacará todo o equipamento eléctrico do interior do colexio e procederá a instalalo no transformador que construíu o Concello no marco das obras de reforma da Praza de Barcelos.

As obras realizaranse nun período que non sexa lectivo para non interferir na actividade do colexio.