Comezan as obras na rúa Costa de Arriba, en Combarro

Poio
11 de novembro 2024

Contan cun investimento de preto de 66.000 euros para actuar nunha estrada municipal que estaba moi deteriorada e permitirá mellorar servizos básicos para a cidadanía

Obras na rúa Costa de Arriba Concello de Poio

Os operarios da empresa Construccións E.C.Casas comezaron coas obras para mellorar o firme e completar as redes de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba, en Combarro.

Unha actuación do Concello de Poio que conta cun investimento de preto de 66.000 euros a través do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, explicou que van aproveitar a mellora do asfalto para ampliar os servizos básicos para a veciñanza que reside no lugar.

As obras inclúen a apertura de gabias no pavimento existente, así como a demolición do firme actual, e adaptar a rasante. Tamén se dotará dun sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais e rede de abastecemento.

O concelleiro sinalou que son obras se levan reclamando desde hai xa moitos anos. Segundo dixo, o deterioro era demasiado importante como para resolverse con parches e solucións moi a curto prazo, "como se estivo facendo todo este tempo, e que acaban por xerar os mesmos problemas de socavóns que supoñen un perigo para a circulación".

Ata finais de ano o Concello de Poio executará tamén melloras noutras estradas e camiños municipais, como por exemplo nos dous ramais da rúa Sartal, no camiño Fonteiriñas, do Souto, Outeiro ou na travesía de Poio de Arriba, entre outras.

Nesta liña, García recorda que este ano reserváronse fondos provinciais para dar resposta a todas esas actuacións en camiños rurais.