Obras de emerxencia no Pazo da Cultura tras romperse os cristais do lucernario

Pontevedra
24 de outubro 2024

Os temporais Aitor e Kirk deixaron danos en Pontevedra cun custo estimado entre 2 e 3 millóns de euros, segundo indicou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores

Obras no Pazo da Cultura Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou esta xoves sobre os danos ocasionados polos últimos temporais Aitor e Kirk.

Calcula que poderían supoñer, en total, un custo de reparación entre os 2 e os 3 millóns de euros.

Entre os danos máis destacados está a rotura de cristais no lucernario principal situado no vestíbulo do Pazo da Cultura, que provocou filtracións de auga no interior do edificio.

As obras de emerxencia para reparar esta incidencia xa están en marcha e prevese que rematen esta semana, permitindo que a actividade do Pazo da Cultura volva á normalidade en poucos días.

O custo destes traballos ascende a 47.225,13 euros.

Danos no lucernario do Pazo da Cultura  Concello de Pontevedra

Ademais, o alcalde explicou que os técnicos municipais continúan a avaliar os danos causados polo temporal Kirk, que deixou estragos en todo o municipio.

Entre os desperfectos detectados figuran árbores caídas, fendas nos troncos, raíces afloradas, terreos agrietados, mobiliario danado, fochancas e pasarelas deterioradas.

O custo inicial estimado destas reparacións é de 272.409,37 euros, e a empresa proposta para realizar os traballos é REDENOR. Repoboacións e Desbroces do Noroeste S.L.

Fernández Lores sinalou que esta cifra non inclúe o traballo das brigadas municipais, que xa estiveron operativas dende a chegada das borrascas e cuxo custo podería superar o millón de euros.

Tamén advertiu que algúns danos, como os que afectan nos pavimentos ou edificios municipais, poden tardar meses ou anos en manifestarse, o que podería aumentar o custo final do conxunto de reparacións.