Talleres de Defensa Persoal para Mulleres serán os vindeiros protagonistas do programa municipal 'A Vida é Movernos', impulsado pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde.
Coincidindo coas datas de reivindicación e visibilización da eliminación da violencia contra as mulleres, os días 30 de novembro e 3, 14 e 17 de decembro celebraranse no Ximnasio B do Pavillón Municipal dos Deportes catro obradoiros de dúas horas de duración cada un impartidos de balde por expertos do Club Taekwondo Taekanart.
O obxectivo destes cursos é achegar unha serie de ferramentas e habilidades que reforcen as actitudes mentais e corporais; o desenvolvemento de mobilidade corporal e capacidades de anticipación, esquiva, evasión e acción-reacción, a capacidade de toma de decisións e iniciativa ou reacción ante a ameaza ou a agresión coa finalidade de evasión e fuxida.
"Estes talleres de Defensa Persoal para Mulleres pretenden afrontar o problema da violencia machista desde un prisma global, achegando coñecementos, actitudes e técnicas ante situacións de agresión e autoafirmando e reforzando psíquica e fisicamente a mulleres que a sofren ou son susceptibles de sufrila", explicou o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
Neles, as participantes poderán aprender métodos de autodefensa e evasión que lles permitan salvar diferentes situacións, e recibirán preparación física e psíquica contra situacións impactantes ou traumáticas.
Os obradoiros, aclarou Fernández, "non están enfocados exclusivamente a mulleres que foron ou son vítimas de maltrato machista, senón a tódalas mozas e mulleres que desexen participar, xa que temos que pensar en impulsar este tipo de iniciativas desde idades temperás, con carácter preventivo, tentando evitar que a violencia chegue a estar presente".
Entre as cuestións que se abordarán están incluídos os obxectivos de lograr saír ilesas ou co mínimo dano, utiliza-la máxima enerxía na defensa, realizar teatro de submisión para conseguir o obxectivo final, conseguir involucrar a terceiras persoas na acción e utilizar os cauces legais de protección e denuncia.
Todas aquelas mulleres que queiran participar nos talleres poderán facelo mediante inscrición previa na dirección de email taekwondotaekanart@gmail.com, existindo un máximo de 30 prazas dispoñibles.