O Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo será o encargado de investigar a José Manuel Durán González, coñecido como 'O Chioleiro', como sospeitoso do bautizado como crime da maleta de Vigo.
O Chioleiro é un vello coñecido da crónica negra pontevedresa como autor condenado polo crime da súa avoa e da que era a súa noiva, Alicia Rey, na Lama, e o 29 de febreiro foi detido por este crime cando trataba de escapar na estación de autobuses de Pontevedra. Desde o 1 de marzo está en prisión comunicada e sen fianza por homicidio ou asasinato.
Tras varios meses de investigación, o Xulgado de Instrución número 4 de Vigo que se encargada da causa acordou inhibirse para que o xulgado especializado asuma a investigación.
Segundo o maxistrado, as declaracións prestadas sobre o vínculo existente entre a falecida e o detido como presunto autor dos feitos "podería considerarse que se está en presenza dunha relación que ten o seu encaixe no ámbito da violencia sobre a muller, xa que existen indicios de que a relación tiña o compoñente esixido da afectividade".
Recoñece o xuíz instrutor engade que existen "dúbidas sobre se existía relación ou non de parella", pois "basta ver" como o fiscal e a defensa do investigado dan "interpretacións diverxentes" sobre os mesmos indicios, pero sinala que "na medida que a vítima xa non pode dar a súa versión dos feitos, ao falecer presumiblemente pola intervención directa do investigado", é "preferible" que esas dúbidas sexan resoltas polo órgano especializado.
Ademais, advirte que, se tras a valoración da proba por parte do Xulgado de Violencia sobre a Muller conclúese que non existía unha relación de parella, "nunca podería xurdir efecto negativo algún para o investigado".
O xuíz ditou un auto contra o que cabe presentar recurso no que xa advirte que, á hora de aplicar a agravante de parentesco "non cabe incluír de modo automático todo tipo de relacións de noivado, senón unicamente aquelas relacións sentimentais nas que concorra ou concorrese un compoñente de compromiso de vida en común dotado de certa estabilidade".
O Chioleiro, de 66 anos, cumpriu pena nun centro psiquiátrico polo crime da súa avoa e logo en prisión polo crime de Alicia Rey, pero en febreiro de 2023 saíu en liberdade tras cumprir a súa condena. Desde entón, viviu en varias localidades das provincias de Pontevedra e A Coruña e hai meses asentouse en Vigo, onde supostamente cometeu este terceiro crime.
En febreiro de 2023, tras saír en liberdade, foi detido por incumprir unha orde de afastamento do Concello da Lama, onde cometera os dous crimes anteriores, e, desde entón, vivira sen chamar a atención das Forzas e Corpos de Seguridade ata que apareceu como sospeitoso do crime da maleta tras o achado dun cadáver o 22 de febreiro no interior dunha maleta nunha leira situada entre Balaídos e Fragoso.