O Xulgado de Pontevedra recoñece á Comunidade de Montes de Mourente a titularidade dos terreos de Príncipe Felipe

Pontevedra
05 de maio 2022

A Comunidade de Montes de Mourente. despois desta resolución, fai un chamamento á Deputación Provincial e ao Concello de Pontevedra para que non presenten recurso e solicita publicamente unha negociación aberta e con ánimo de consenso para acadar un acordo asumible polas dúas partes e que poida garantir o funcionamento futuro do centro Príncipe Felipe

Vista aérea dos terreos do Centro Príncipe Felipe, en Montecelo Google Maps

A Comunidade de Montes de Mourente recibía este xoves 5 de maio a resolución do Xulgado de primeira instancia número 3 de Pontevedra na que se recoñece o carácter veciñal dos terreos que actualmente ocupa a instalación da Cidade Infantil Príncipe Felipe. No seu momento, eses terreos foron cedidos polo Concello de Pontevedra á Deputación Provincial.

A decisión xudicial pode ser recorrida polas partes ante a Audiencia Provincial no prazo de vinte días desde a notificación. A sentenza, segundo indican desde a Comunidade de Montes, estima a demanda formulada por este colectivo fronte á Deputación e o Concello. Declara que a parte do monte 'Montecelo' ocupada polas instalacións do Centro Príncipe Felipe son propiedade da Comunidade de Montes Veciñais da parroquia de Mourente por "haberlas venido poseyendo como parte integrante e inseparable del monte vecinal 'Montecelo' desde tiempo inmemorial, en régimen de aprovechamiento colectivo y sin especial asignación de cuotas" (sic).

A resolución rexeita unha por unha todas as alegacións presentadas polas institucións provincial e municipal ao considerar non axustados a dereito os acordos de desafección dos terreos do seu carácter de veciñal tomados polo Concello de Pontevedra e os acordos de cesión de dúas parcelas, que ocupan un terreo de 141.945 metros cadrados, do Concello á Deputación para establecer as instalacións do Centro Príncipe Felipe.

Tamén declara a nulidade radical, absoluta ou de pleno dereito das escrituras públicas de 1970 e 1978 de cesión gratuíta ou doazón outorgada polo goberno local a favor da Deputación. O xulgado ordena dirixir oficio ao Rexistro da Propiedade para cancelar a inscrición dos terreos a nome do Concello e inscribilos a nome da Comunidade de Montes de Mourente. 

PIDEN NEGOCIACIÓN ABERTA

A  Comunidade de Montes de Mourente considera moi positiva esta sentenza, ao entender que se atopa en liña coa xurisprudencia consolidada do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo. Lembra, ademais, que o Tribunal Supremo ratificou outra sentenza na que se declaraban os terreos de Montecelo ocupados polo Hospital público como terreos veciñais.

Os comuneiros acusan á Deputación de realizar unha " xestión irresponsable, cortoplacista e xuridicamente inviable"

 

Ante esta situación, os responsables da Comunidade lamentan que o goberno da Deputación negouse a negociar cos comuneiros unha cesión de uso que garanta no futuro o funcionamento do Centro Príncipe Felipe e entenden que esa actitude é "froito dunha xestión irresponsable, cortoplacista e xuridicamente inviable".

Cualifican tamén de "absurda, prepotente e hostil" a actuación da  Deputación de Pontevedra ao supoñer un "malgasto incomprensible e irresponsable de fondos públicos". Por este motivo, fan un chamamento tanto á  Deputación como ao  Concello para que non recorran a sentenza e solicitan unha "negociación aberta, sincera e con ánimo de consenso" que permita alcanzar un acordo "asumible polas dúas partes" que garanta a actividade futura das instalacións de Príncipe Felipe.