O xulgado de Caldas admite que a Xunta se persoe como acusación particular no triplo crime de Valga

Umia
05 de outubro 2019

Á marxe da vía penal, a Xunta está a manter un contacto constante cos servizos sociais municipais e co entorno familiar das mulleres asasinadas, prestándolles asesoramento e apoio integral, especialmente aos menores de 4 e 7 anos fillos de Sandra Boquete e do asasino, que quedaron orfos

José Luis Abet chegou aos xulgados de Caldas coa cara descoberta e entre fortes medidas de seguridade Cristina Saiz

A Xunta de Galicia estará persoada como acusación popular na causa xudicial aberta polo triplo asasinato de Valga no que o pasado mes de setembro José Luis Abet Lafuente matou a tiros á súa ex esposa, Sandra Boquete; e as súas ex cuñada e ex sogra, Alba Boquete e Elena Jamardo.

Segundo a información facilitada polo goberno galego, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Caldas de Reis, especializado en violencia sobre a muller, acaba de admitir a personación da administración.

Á marxe da vía penal, a Xunta está a manter un contacto constante cos servizos sociais municipais e co entorno familiar das mulleres asasinadas, prestándolles asesoramento e apoio integral, especialmente aos menores de 4 e 7 anos fillos de Sandra Boquete e do asasino, que quedaron orfos. Cabe lembrar que o xulgado lle suspendeu ao home a patria potestade sobre os dous menores, que agora están pendentes de que se determine sobre quen recaerá a súa custodia.

O Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), que presta apoio especializado en casos de violencia de xénero, e o equipo de menores desprazáronse ata Valga xa o mesmo día do triplo crime e durante o tempo transcorrido estase prestando apoio psicolóxico ao entorno familiar ao abeiro do convenio que mantén a Xunta co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, cuxos especialistas son tamén os encargados de atender aos menores.

Ademais, en virtude do convenio de colaboración asinado en xaneiro deste ano co Colexio de Educación Social, co Colexio Oficial de Xestores Administrativos e co Colexio Oficial de Graduados Sociais estase a prestar un acompañamento integral na realización de todas as xestións administrativas necesarias. Tamén no marco deste convenio, e cando o decidan os equipos sociais e psicolóxicos, activaranse un ou dous educadores sociais especializados para apoiar nas novas rutinas á familia e prestar apoio educativo aos menores.

Xa no apartado económico, os menores orfos recibirán unha indemnización económica directa da Xunta de 7.000 euros cada un.