O xulgado arquiva a causa contra o chofer do autobús do accidente de Pedre

Cerdedo-Cotobade
11 de xuño 2024

Analizados os testemuños das dúas persoas sobreviventes, o chofer e unha pasaxeira, e os informes presentados polas partes, a xuíza titular do xulgado de instrución dita o arquivo da causa

Tarefas de rescate das vítimas do autobús accidentado en Cerdedo Subdelegación do Goberno

O xulgado de instrución número 1 de Pontevedra ditou auto de sobresemento da causa aberta contra o condutor do autobús que caeu ao río Lérez desde o viaduto de Pedre. Naquel accidente morreron sete persoas o día de Noiteboa de 2022.

Analizados os testemuños das dúas persoas sobreviventes, o chofer e unha pasaxeira, e os informes presentados polas partes, a xuíza titular do xulgado de instrución dita o arquivo da causa.

Na súa declaración ante a xuíza, o chofer asegurara que ía dez quilómetros por baixo do permitido e que o vehículo fixo "aquaplaning".

Tamén a única pasaxeira sobrevivente do accidente declarou en instrución que o condutor "si" gardou todas as precaucións na condución pola N-541 e que o tráxico suceso debeuse ao mal tempo.

Con todo, o informe da Garda Civil atribuíu o sinistro a que o autobús circulaba a unha velocidade superior aos 80 quilómetros por hora superando a velocidade máxima permitida no tramo do sinistro. 

Fronte a estas estimacións, o avogado do condutor achegou documentación de, polo menos, outros dous peritos corroborando os seus argumentos e lembrou nas súas declaracións que a N-541 era unha estrada que estaba xa "denunciada por parte de asociacións e colectivos de toda índole" polo seu "mal estado" e apuntou en concreto o "pésimo estado" no que se atopaba o vehículo.

O auto determina que "non hai indicios" da posible comisión dunha imprudencia grave ou menos grave cometida polo condutor.

A Garda Civil non puido recuperar os datos do tacógrafo do autobús, que quedou esnaquizado no sinistro, e estimaba no seu informe a velocidade á que podería ir en base ao último rexistro antes de perderse o sinal do GPS, un 90 km/h a 860 metros do lugar do accidente.

"Se non se sabe a que velocidade circulaba o condutor no momento do sinistro (...) non se entende por que se afirma rotundamente que o condutor non adecuara a velocidade do seu vehículo cando as condicións meteorolóxicas e do firme eran moi adversas", afirma a xuíza.

Ademais, lembra que, segundo recoñeceron os investigadores, os rexistros revelaron que a velocidade media de todo a viaxe foi de 66 quilómetros por hora, polo que rebate que a hipótese de que o condutor non adecuase a súa velocidade cando "xa o fixera antes".

A maxistrada cuestiona que a Garda Civil só outorgue "influencia relevante" a un suposto exceso de velocidade e non ás precipitacións torrenciais daquela noite ou ao mal estado do firme da N-541, a estrada pola que circulaba o autobús.

Á titular do xulgado pontevedrés lle "sorprende" que se a causa do accidente fóra unicamente a velocidade, este non se producira o día anterior, cando o mesmo condutor pasou pola zona onde se accidentou en Noiteboa a unha velocidade de 91 quilómetros por hora.

"Non é posible afirmar, a efectos de valorar a súa conduta reprochable, que circulaba de forma imprudente por exceso de velocidade", reitera a xuíza, que tamén valorou o testemuño da pasaxeira sobrevivente, que negou que o autocar circulase con velocidade excesiva.

O auto conclúe que "non se acreditou" que o condutor, investigado por sete delitos de homicidio por imprudencia, superase o límite de velocidade, que a súa conduta aquela noite poida ser descrita como "perigosa" ou que actuase con "falta de previsión" ante o risco.

A decisión do xulgado de instrución número 1 de Pontevedra de arquivar esta causa non é firme e pode ser recorrida. 

Arquivado en