O xulgado admite novas dilixencias para investigar o crime de Ponte Caldelas

Pontevedra
21 de marzo 2018

A xuíza instrutora ditou un auto no que acorda seguir o procedemento contra Sandra Martínez polos delitos de asasinato e omisión do deber de socorro e aprobar varias dilixencias. Nega outras probas pedidas pola acusación como a triangulación dos móbiles dos dous investigados 

Paso a disposición xudicial do autor confeso do crime de Ponte Caldelas Cristina Saiz

Cando están a piques de cumprirse 28 meses do brutal crime no que Marcos Vidal González matou a puñaladas a Manuel Ángel Rivas en Ponte Caldelas, o xulgado que instrúe a causa acaba de autorizar a práctica de novas dilixencias centradas en esclarecer o ocorrido e a implicación nos feitos de Sandra Martínez Araújo, viúva do falecido e antiga parella do homicida confeso. 

Marcos Vidal está investigado como presunto autor do coñecido como crime de Ponte Caldelas desde que o propio día 28 de novembro de 2015 confesou e entregouse á Garda Civil, pero desde o pasado mes de febreiro tamén está investigada na causa Sandra Martínez, de modo que a instrución acaba de recibir un novo impulso

Despois de que a Audiencia Provincial de Pontevedra aceptase a petición da familia do falecido para investigar a Sandra, o Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra celebrou dúas comparecencias para concretar a investigación e para tomar declaración á muller.

Unha vez escoitado o seu testemuño, a xuíza ditou un novo auto ao que tivo acceso PontevedraViva polo que se acorda seguir o procedemento xudicial contra Sandra polos delitos de asasinato e omisión do deber de socorro e aprobar varias das dilixencias solicitadas pola acusación particular -que exerce o avogado Andrés Malvar en nome da familia do falecido- e da defensa de Sandra. 

O auto da xuíza instrutora aclara que, ao seu xuízo, a Audiencia Provincial, ao decidir que se amplía a imputación contra Sandra, xa adiantou que debe continuarse o procedemento contra ela. Ademais, dado que tan só a acusación particular concretou por que delitos debería ser investigada, enténdese que a causa xa se segue contra ela por esas infraccións penais: asasinato e omisión do deber de socorro. 

En canto ás dilixencias, o auto ditado pola xuíza instrutora con data 15 de marzo indica que non considera necesarias "por non servir ao fin legalmente previsto, polo menos polo momento", varias das probas solicitadas pola acusación, entre elas, as declaracións testificales dos garda civís que investigaron os feitos e as aclaracións dos médicos forenses.

Tampouco se considera necesarias as declaracións de tres testemuñas que a xuíza considera que "non pode aclarar nada en canto á posible participación de Sandra nos delitos de asasinato e de omisión do deber de socorro" que lle atribúe a acusación particular. Trátase da camareira do local no que Sandra e Marcos estiveron o día previo ao crime, a persoa que colleu o traspaso do negocio de Manuel e un detective que o falecido contratara tempo antes do crime para determinar se a súa esposa tiña unha dobre relación co homicida confeso.

Algunhas das probas nas que insistía a acusación foron denegadas. Trátase de ata sete dilixencias reclamando ás compañías telefónicas a listaxe de chamadas entrantes e saíntes dos teléfonos dos dous investigados, xeolocalización e repetidores ou, o que é o mesmo, a triangulación dos móbiles de ambos. A xuíza rexeita a proba porque as compañías tan só están obrigadas a gardar eses datos durante un ano. Dado que pasou máis tempo, "o resultado de librar tales oficios é inútil".

Entre as dilixencias que si autorizou a xuíza figura a declaración como testemuña da amiga de Sandra que a acompañaba a mañá do crime e a quen a investigada enviou unha foto que Marcos lle pasou por Whatsapp na que Manuel aparecía tirado no chan no medio dun charco de sangue.

Tamén autorizou a xuíza pedir á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés detalles das quendas de traballo de Sandra no Hospital Provincial e, en concreto, o do día do crime para para poder determinar o lugar onde se atopaba mentres Marcos mataba a Manuel, pois neste punto ela incorreu en contradicións nas súas declaracións como testemuña e investigada. 

Ademais, pedirase a Sandra que facilite a clave da súa conte da rede social Facebook para poder ter o seu historial de localizacións e os lugares onde estivo o día do crime e a xornada previa e tamén á Garda Civil que amplíe o informe do envorcado de datos do móbil de Marcos para coñecer as súas comunicacións con Sandra en novembro de 2015 e que faga o mesmo análise en relación cos dous móbiles da muller.  

A Audiencia pedía no seu auto que a xuíza instrutora realizar todas as " dligencias de investigación que axuden ao total esclarecemento dos feitos e, fundamentalmente, que permitan afirmar ou descartar con taxatividad a participación de Sandra" no crime ou en calquera feito relacionado co mesmo. A xuíza instrutora si acordou varias dilixencias, pero non cre que sexa necesario o seu ingreso en prisión provisional ou o pago dunha fianza, peticións ambas que facía a acusación.